O BNG aposta por feminizar a cultura en Vigo
A fronte nacionalista realizou un coloquio aberto sob o título “Mulleres na Cultura”, no que participaron a escritora, Malores Villanueva, a directora teatral, Cristina Domínguez, a cineasta, Anxos Fazáns, e mais a escultora Rosa García
Propoñen a creación dun Observatorio da Cultura, garantir a presenza de mulleres na programación cultural e levar a creación cultural das mulleres aos centros escolares
O Bloque Nacionalista Galego defende a necesidade de feminizar a cultura en Vigo brindado un maior apoio á creación cultural das mulleres. Con ese obxectivo, propoñen a creación dun Observatorio da Cultura, garantir a presenza de mulleres na programación cultural e levar a creación artística das mulleres aos centros escolares.
Así o anunciou a candidata número dous do BNG de Vigo, Ana Martínez, durante a realización dun encontro aberto titulado “Mulleres na Cultura”, celebrado esta mañá na cidade olívica. Entre as asistentes ao acto estiveron o concelleiro e candidato á alcaldía das nacionalistas, Xabier P. Igrexas, a deputada no Parlamento galego, Carmela González, e os número tres e catro da candidatura municipal, Filipe Abalde e Elsa Quintas.
No coloquio tomaron parte a escritora e crítica literaria, Malores Villanueva, a directora teatral e profesora da ESAD, Cristina Domínguez, a cineasta, Anxos Fazáns, e a escultora, Rosa García. As catro partillaron reflexións sobre a situación da cultura na cidade poñendo o foco no papel das mulleres creadoras, constatando que en todas as disciplinas malia os avances rexistrados nos últimos anos sigue habendo unha grande fenda pendente de superar.
Neste sentido, a candidata número dous e responsábel do grupo de traballo de Cultura do BNG de Vigo, Ana Martínez, reivindicou a necesidade de políticas culturais que permitan a visibilización da achega artística das mulleres. Con ese obxectivo esbozou tres propostas concretas que farán parte do programa electoral do Bloque de cara aos comicios do vindeiro 28 de maio.
A primeira é a creación dun Observatorio da Cultura en Vigo que permita coñecer cantas e que persoas traballan ou o pretenden en calquera ámbito cultural, en que medida participan as mulleres neses ámbitos, que actividades culturais públicas e privadas se fan e en que medida participan as mulleres como creadoras ou asistentes.
“É necesario coñecermos a realidade das mulleres da cultura para poder avanzar”, explicou Ana Martínez
A segunda liña de actuación é a de garantir a presenza de mulleres na programación cultural que se impulse ou coa que colabore o Concello, atendendo todas as disciplinas e sob un enfoque expansivo e descentralizado.
Por último, Martínez defendeu a necesidade da posta en marcha dun programa de actuación cos centros escolares da cidade para achegar esa programación á rapazada con unidades didácticas, visitas das artistas aos centros escolares, e actividades para dar a coñecer mulleres artistas viguesas e doutras culturas.
Desde o BNG subliñan que reverter a desertización cultural dos últimos anos e desenvolver a capacidade transformadora que ten a cultura precisa da perspectiva feminista. “Queremos facer cultura con lentes lilás para mudalo todo”.