O BNG de Vigo esixe explicacións a Urbanismo por autorizar obras ilegais para novos chalés en Cabo Estai
A fronte nacionalista reclama á concelleira María José Caride que aclare os motivos polos que o departamento que dirixe deu o visto bo a esta actuación, anulada agora pola APLU e malia as advertencias do Bloque e da veciñanza de San Miguel de Oia
Xabier P. Igrexas: “O BNG temos que reiterar que o tempo da barra libre urbanística, sobre todo para favorecer intereses de grandes apelidos, ten que darse xa por rematado”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo esixe explicacións da Xerencia Municipal de Urbanismo por autorizar obras ilegais en favor dunha urbanización de chalés en primeira liña de costa en Cabo Estai. A fronte nacionalista reclamará este martes na vindeira sesión do Consello que a concelleira María José Caride aclare os motivos polos que o departamento que dirixe deu o visto bo a esta actuación, que vén de ser anulada pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta, recollendo as advertencias formuladas pola veciñanza de San Miguel de Oia e polo propio Bloque.
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valorou que esta resolución da APLU esixe que a responsábel de Urbanismo “dea a cara” por ter permitido de maneira “absolutamente incomprensíbel” as obras de acceso á futura “urbanización de chalés VIP”. Após este ditame, explicou, non só queda revogada a licenza urbanística, tamén terá que ser reposto o vial construído sobre terreos que non eran titularidade dos promotores e que supón unha “aberración ambiental” a escasos metros do litoral vigués.
O candidato nacionalista salientou que o BNG leva advertindo durante meses das irregularidades desta urbanización, para a que solicitou sen éxito a paralización cautelar das obras. “Choca que se autorizaran actuacións que incluíron aterramentos a moi poucos metros do mar, ou se teña autorizado instalar unha escaleira de formigón directamente sobre as rochas da fachada costeira de Cabo Estai”, lamentou Igrexas.
O concelleiro do Bloque lembrou ademais que esta autorización foi outorgada “no tempo de desconto”, a poucos días de que se decretase a suspensión de licenzas pola aprobación inicial do novo PXOM. “O BNG temos que reiterar que o tempo da barra libre a nivel urbanístico, sobre todo para favorecer intereses de grandes apelidos, ten que darse xa por rematado na cidade”, remachou.