O BNG de Vigo pide a paralización cautelar das obras dos novos chalés en Cabo Estai
A fronte nacionalista reclama que se aclaren as irregularidades denunciadas pola Asociación Veciñal de San Miguel de Oia arredor deste proxecto de urbanización en primeira liña de costa.
Xabier P. Igrexas: “O tempo da barra libre urbanística, sobre todo no litoral, ten que darse por concluído, e hai que asegurar que actuacións coma esta cumpren de maneira escrupulosa con toda a normativa”.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de solicitar a paralización cautelar das obras para o proxecto de seis novos chalés en Cabo Estai, diante das graves irregularidades denunciadas pola Asociación Veciñal de San Miguel de Oia. A fronte nacionalista reclama que se aclaren estas anomalías antes de continuar coa construción desta urbanización en primeira liña de costa.
“Falamos dun proxecto a poucos metros do litoral que, para alén do seu evidente impacto paisaxístico e ambiental, está envolta en dúbidas e sospeitas fundadas, mesmo a respecto da titularidade real de parte dos terreos que se pretenden incorporar na construción”, destacou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de visitar a localización das obras xunto coa deputada no Parlamento galego e responsábel local, Carmela González, e o presidente da asociación veciñal de San Miguel de Oia, Ángel Goberna.
O BNG pide ademais acceder á integridade do expediente urbanístico co que o departamento encabezado pola concelleira María José Caride deu o visto bo para a concesión da licenza municipal do proxecto. “Unha licenza que foi outorgada ademais no tempo de desconto, a poucos días de que se decretase a suspensión das mesmas pola aprobación inicial da modificación do novo PXOM”, subliñou o edil nacionalista.
Entre as irregularidades, desde a entidade veciñal denuncian que varias fincas foron usurpadas pola promotora para a construción dun vial de acceso. “Choca que se poidan autorizar actuacións que incluíron aterramentos a moi poucos metros do mar, ou se teña autorizado instalar unha escaleira de formigón directamente sobre as rochas da fachada costeira de Cabo Estai”, lamentou Igrexas.
A fronte nacionalista demanda por estes motivos a paralización das obras até garantir que cumpren de forma “escrupulosa” coas normativas ambientais e urbanística. “O tempo da barra libre, sobre todo no litoral, ten que darse por concluído”, concluíu o concelleiro do BNG.