O BNG de Vigo fai balanzo do 2024 comprometéndose a seguir empurrando unha mudanza en positivo para a cidade
A fronte nacionalista despregou no último ano 324 propostas, iniciativas e posicionamentos “falando do Vigo real, da cidade que vivimos todas e todos fronte aos falsos parques temáticos doutros”
Poñen en valor a “imparábel onda de simpatía e apoio das viguesas e dos vigueses” coa que se logrou o fito histórico de ser primeira forza política na cidade nas pasadas eleccións galegas
Xabier P. Igrexas: "Fronte a aqueles que non teñen nada que lle ofrecer a Vigo que máis do mesmo no Concello ou abandono desde a Xunta, en 2025 seguiremos a empurrar unha mudanza en positivo sumando a máis viguesas e vigueses arredor da alternativa transformadora do BNG”
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, realizou este fi de ano unha balanzo da actuación da fronte nacionalista na cidade en 2024 e reiterou o seu compromiso en facer avanzar unha alternativa en positivo para a maior cidade de Galiza.
Igrexas puxo en valor que ao longo dun “intenso 2024” o BNG despregou 324 propostas, iniciativas e posicionamentos, “falando do Vigo real, da cidade que vivimos todas e todos fronte aos falsos parques temáticos doutros, das necesidades da veciñanza sen atender”. Unha labor que fixeron, apuntou, “a pé de rúa, pateando barrios e parroquias e cun permanente diálogo cos movementos sociais e o tecido asociativo”.
Entre esa inxente batería de iniciativas destacou a proposta de utilizar os millonarios remanentes do Concello para poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias, despregar máis política social, cultural e deportiva ou a demanda dunha enérxica política de vivenda fronte aos prezos imposíbeis do alugueiro “para garantir o dereito da cidadanía a poder habitar a súa propia cidade”. Tamén salientou o reclamo de medidas para actuar fronte a grave crise industrial que atravesa Vigo, con 6.300 empregos industriais menos dos que había hai 15 anos. Ou a esixencia ao Goberno municipal dotar do persoal necesario ao servizo de bombeiros “para garantir a seguridade de todas e todos”.
Aliás, subliñou a demanda de máis participación, “na certeza de que democracia é moito máis que votar cada catro anos” ou o feito de que o BNG formou 152 emendas aos orzamentos municipais do vindeiro ano, “dando voz á veciñanza e aos colectivos que outros se negan a escoitar”. Por último, Igrexas destacou o compromiso da fronte nacionalista en atender o reclamo do movemento feminista que cada 8M e cada 25N esixe, con razón, “máis recursos e menos discursos fronte a violencia machista”, e o seu combate “ao arboricidio permanente” que padece a cidade para avanzar cara un Vigo “máis sustentábel e verde”.
O portavoz municipal nacionalista tamén deu conta do traballo realizado polo BNG, “coa firmeza que nos dá a coherencia” á hora de esixir que tanto a Xunta de Galiza como o Goberno español atendensen as necesidades da maior cidade galega. “Desde unha AP-9 galega e libre de peaxes, pasando por demandar 144 millóns de euros máis de investimento do Goberno galego na cidade, urxir a fin das políticas de recortes e privatización que nos converteron na zona cero da desfeita sanitaria, até reclamar a mellora da conexión ferroviaria da área de Vigo, con moito máis e mellor tren”, relatou.
Un BNG sen límites en Vigo
“Con toda humildade, mais sen falsa modestia, acreditamos en que temos logrado colectivamente non só exercer unha oposición construtiva, acompañando cada crítica dunha proposta, senón que logramos facer avanzar a alternativa en positivo e o proxecto de cidade que o BNG temos para Vigo”, resumiu Igrexas.
O nacionalista sobranceou deste 2024 que remata o “o fito histórico de lograrmos, por primeira vez na Historia, que o BNG fósemos a primeira forza política nas últimas eleccións galegas, demostrando que a onda de simpatía e apoio cara o Bloque en Vigo non deixa de medrar, que o BNG en Vigo non temos límites”
Con ese “alento”, que agradeceu, comprometeu que “fronte a aqueles que non teñen nada que lle ofrecer a Vigo que máis do mesmo no Concello ou abandono desde a Xunta, este 2025 que está a piques de encetar seguiremos a empurrar unha mudanza en positivo sumando a máis viguesas e vigueses arredor da alternativa transformadora do BNG”.
Unha alternativa coa que -sinalou- queren que “Vigo abra un tempo novo, para construírmos entre todas e todos unha cidade máis habitábel e verde, cun transporte público á altura dunha grande urbe de 300 mil habitantes. Unha cidade igualitaria e socialmente xusta, que volva ser un potente pulmón industrial e vangarda da creación cultural. Un Vigo que, exercendo o seu papel como maior cidade galega, sexa o motor de todo un País”.