O BNG acada o compromiso do Pleno para actuar ante a “emerxencia” da lingua galega en Vigo

Xabier P Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno
Xabier P Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno

A moción da fronte nacionalista resulta aprobada, coas abstencións do PSOE e do PP, na defensa do dereito de todas as viguesas e vigueses a poder vivir plenamente en galego

Cualifica de "farsa" o Pacto pola Lingua que di promover o PP e afea as políticas "galegófobas" aplicadas pola Xunta de Galiza nos últimos 15 anos

Xabier P. Igrexas: "Como dixo Castelao, se aínda somos galegas e galegos é por obra e graza do idioma"

O BNG acada o compromiso do Pleno para actuar ante a “emerxencia” da lingua galega en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego vén de acadar o compromiso do Pleno municipal para avanzar na normalización da lingua galega en Vigo. A moción da fronte nacionalista resultou aprobada este luns, coas abstencións do PSOE e do PP, con medidas para garantir o dereito de todas as viguesas e vigueses a poder vivir plenamente en galego.

“Os recentes datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre coñecemento e uso constatan a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua”, alertou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen cualificou de “emerxencia lingüística” a situación do galego na cidade onde se reduciu ao 15% a poboación que fai uso preferente ou exclusivo do galego.

A moción nacionalista permitiu reafirmar o compromiso na defensa da lingua galega como patrimonio colectivo de incalculábel valor e no seu dereito a ser coñecida e usada pola poboación en calquera circunstancia e lugar, sen discriminación de ningún tipo. “En coherencia coa vixente ordenanza municipal de normalización lingüística, reiteradamente incumprida polo Goberno de Abel Caballero”, afirmou Igrexas.

Outro dos puntos recollidos no acordo plenario chama a revisar as actuacións municipais atendendo a condición do galego como lingua propia de Galiza e como idioma oficial do propio Concello, avanzando para facer efectivas as medidas contidas na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Aliás, o Concello comprometeuse na moción a facer parte da Plataforma Cidadá Queremos Galego, entidade social ampla conformada por colectivos de diferentes ámbitos e por persoas a título individual. Nesa liña, apoiará activamente as iniciativas da plataforma, entre elas unha grande manifestación nacional en defensa da lingua o vindeiro 23 de febreiro, Día de Rosalía.

“O galego ten futuro se o compromiso coa normalización do noso idioma é real e asumido por toda a sociedade, comezando polas institucións galegas”, defendeu Igrexas. "Como dixo Castelao, se aínda somos galegas e galegos é por obra e graza do idioma".

Pacto pola Lingua “farsa” do PP

Durante o debate plenario, o portavoz municipal do Bloque acusou ao PP de negar a evidencia do retroceso do uso do galego e do número de falantes. “Fan cos datos do IGE o mesmo que co informe do Consello de Contas sobre o sobrecusto do Álvaro Cunqueiro, darlle a volta para dicir o contrario do que di”, cuestionou.

Igrexas cuestionou que os populares culpen deste contexto ás persoas migrantes ou ás familias galegas. “O maior problema que enfronta o galego son as políticas galegófobas, discriminatorias e excluíntes aplicadas nos últimos 15 anos de goberno do PP na Xunta da Galiza”, asegurou o voceiro nacionalista.

Desta forma cualificou de “farsa” o Pacto pola Lingua que din promover os populares. “O mesmo PP que votou en contra dun acordo pola lingua proposto polo BNG en setembro, o mesmo do presidente Rueda que accedeu ao goberno da Xunta participando daquela bochornosa e infame manifestación galegófoba ou que votou recentemente en contra do uso do galego no Congreso e no Senado”, afeou Igrexas, recordando que tanto o Consello de Europa como a propia ONU teñen dirixido advertencias á Xunta de Galiza para mudar a actitude sobre o galego.

O BNG de Vigo critica que o Concello dedique á normalización do galego o 5% do que gasta nas becas de inglés 

Emerxencia do galego

O portavoz municipal do BNG retratou a “emerxencia lingüística” da lingua galega por causa das políticas do PP. Lembrou a ese respecto a prohibición de impartir en galego varias materias no sistema educativo (caso único en Europa), a eliminación do acceso das crianzas á lecto-escritura en galego na rede de escolas infantís, o cambio da lei da función pública para que o funcionariado non teña por que ter coñecemento do galego, ou a desaparición da oferta da programación infantil ampla e actualizada na TVG, entre outras moitas medidas contra o galego na administración, na xustiza, no audiovisual e medios de comunicación, ou nas actividades comerciais e económicas.

“As consecuencias están á vista: o galego non só descende bruscamente no uso habitual, perdendo a súa condición de lingua máis falada na Galiza, senón que mesmo se descoñece nas franxas de idade máis novas”, lamentou Igrexas. Así, na actualidade o 32,4% das nenas e nenos entre 5 e 14 anos non son quen de se expresaren en galego, poden entendelo, mais non falalo aínda que queiran, porque non o dominan.  

O BNG acada o compromiso do Pleno para actuar ante a “emerxencia” da lingua galega en Vigo