O BNG de Vigo tacha de “fantochada” o anuncio do alcalde dunhas novas pistas de atletismo
A fronte nacionalista considera unha “tomadura de pelo” este anuncio de Abel Caballero mentres deixa “caer a cachos” as instalacións de Balaídos que prometou reformar
Xabier P. Igrexas: “É todo fume posto que Caballero fía estas hipotéticas novas pistas na Balsa a un PXOM que non ten nin tan sequera data para a súa aprobación provisional”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo tacha de “fantochada” o anuncio do alcalde de construír unhas novas pistas de atletismo municipais. A fronte nacionalista considera “unha tomadura de pelo” este anuncio de Abel Caballero mentres deixa “caer a cachos” as actuais instalacións de Balaídos que prometou reiteradamente reformar.
“Pasou máis dun ano dende que o alcalde anunciara en rolda de prensa, de maneira pomposa, que daba instrución directa á Concellaría de Deportes para desenvolver o proxecto de reforma con cargo a fondos municipais”, afeou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que subliñou que aínda non se iniciou o procedemento de licitación, como se pode comprobar no perfil de Contratación pública do Concello.
O edil nacionalista lamentou que o Goberno municipal “non movera nin un só papel” nin teña elaborado un proxecto para a “necesaria e urxente” reforma das pistas de Balaídos
“Non hai ningunha vontade de dar cumprimento ao mandato da moción aprobada en novembro polo Pleno, a iniciativa do Bloque, que urxía a poñer fin a situación absolutamente lamentábel nas que se atopan polo total abandono do seu goberno”, reprochou.
O candidato do BNG cualificou ademais de “puro fume e propaganda”. este anuncio do alcalde dunha novas pistas na Balsa, na contorna de Santo Andrés de Comesaña. “O alcalde fía este proxecto ao novo PXOM que non ten nin tan sequera data para a súa aprobación provisional nin moito menos para a súa aprobación definitiva”, cuestionou.
Igrexas asegurou que o “único real” detrás desas declaracións de intencións do rexedor é o “total abandono do deporte vigués e o maltrato continuado ao atletismo da cidade”, que levan anos denunciando numerosas eivas nas instalacións de Balaídos sen que o goberno de Caballero responda ás súas demandas e necesidades.