O BNG de Vigo urxe arranxar as graves deficiencias das pistas de atletismo de Balaídos e avanzar na súa reforma integral
A fronte nacionalista traslada unha moción ao Pleno municipal para instar actuacións inmediatas do Concello ante o estado “lamentábel” das instalacións deportivas
Reclama o compromiso do Goberno local e da Xunta para executar o convenio subscrito en 2008 para a remodelación das pistas en base ás necesidades dos clubs e atletas
Xabier P. Igrexas: “Despois de meses de denuncias e de constatar a total desatención do goberno de Caballero, esixiremos no Pleno medidas que poñan fin a este abandono”
O Bloque Nacionalista Galego urxe arranxar as graves deficiencias das pistas de atletismo de Balaídos e avanzar na súa reforma integral. A fronte nacionalista vén de presentar publicamente a moción que defenderá no Pleno municipal, previsto para este mércores, na que insta ao Concello de Vigo a actuar de forma inmediata ante o estado “lamentábel” das instalacións deportivas, atendendo as continuadas denuncias por parte dos clubs e atletas usuarias nos últimos anos.
O concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou que esta moción é produto da “total desatención” do goberno de Abel Caballero malia o evidente deterioro das pistas, que son utilizadas a diario por centos de deportistas, nenos e nenas das escolas deportivas municipais e nove clubs de atletismo da cidade e da área.
Desleixo da Concellería de Deportes
Igrexas acusou á concellaría de Deportes de “desleixo” por non garantir un adecuado mantemento das instalacións municipais de Balaídos, que presentan importante eivas tanto nos espazos destinados á práctica deportiva como nos vestiarios e zonas interiores, nestes momentos, en condicións “insalubres”.
Unha inacción que, a xuízo do BNG, é “incomprensíbel” cando o Concello dispón de recursos económicos suficientes para resolvelo como único titular das instalacións
As nacionalistas pedirán o apoio do Pleno para que se adopten coa maior axilidade todas as medidas necesarias para resolver estas deficiencias. Ademais, instan a estabelecer liñas de contacto e traballo cos clubs e deportistas para atender as súas reivindicacións, ignoradas durante anos, de cara á mellora das instalacións.
“Despois de meses de denuncias e de constatar a total desatención do goberno de Abel Caballero, o BNG esixiremos no Pleno medidas que poñan punto e final a este abandono, a este continuo maltrato ao deporte vigués, e devolver a dignidade a unhas instalacións deportivas de primeiro nivel”, explicou o edil do Bloque, que lembrou a importancia do atletismo con destacados referentes na cidade.
Convenio Concello-Xunta para a reforma integral
A moción da fronte nacionalista insta tamén ao Goberno municipal e á Xunta de Galiza a executar o compromiso subscrito en 2008 para a reforma integral das pistas de atletismo de Balaídos. Unha remodelación que, en base ao proxecto recollido no convenio, debe garantir a práctica, adestramento e formación de todas as disciplinas do atletismo e ser instalacións apropiadas como referencia de competicións internacionais.
O portavoz municipal do BNG afeou que ambas administracións leven 13 anos con este proxecto paralizado mentres intercambian acusacións sobre o seu estado
Igrexas criticou nese sentido as declaracións do alcalde, Abel Caballero, que en xullo de 2021 anunciaba que o Concello realizaría e financiaría a reforma das pistas. “Mais, a día de hoxe, o Concello non iniciou ningún proceso de licitación nin existe aplicación orzamentaria nos presupostos municipais en vigor”, reprochou. Así, a única acción emprendida desde entón foi a aprobación dunha moción plenaria, en novembro de 2021, demandando que a Xunta aprovisionara 5 millóns de euros nos orzamentos deste ano para esa finalidade.
Imnumerábeis deficiencias
Igrexas detallou as innumerábeis deficiencias e incidencias que, pese a ser coñecidas pola concellaría de Deportes, continúan a ser desatendidas: o ximnasio está sen pintar, entra auga cando chove e o seu material fica maiormente obsoleto e/ou inutilizábel; a metade dos aseos e vestiarios están clausurados e a outra metade asolagados por auga desde hai semanas; o espazo polivalente do andar superior que se utilizaba como espazo para adestramento interior foi tapiado e clausurado sen alternativa; a herba e vexetación do centro da pista e a circundante leva meses sen ser cortada; as canaletas de recollida de augas fican obstruídas; os fosos de area non son mantidos adecuadamente; de dúas colchonetas para o salto de altura só se permite o uso dunha delas; unha colchoneta de pértiga está inutilizada; non se dispoñen de vallas suficientes mentres continúan a amorearse vallas avariadas e rotas sen que ninguén as repare; as papeleiras están selladas impedindo a súa utilización e hai unha notábel falla de limpeza no conxunto das instalacións.