O BNG de Vigo critica a negativa de Caballero a escoitar no Pleno á veciñanza afectada polo vial de Beade
A fronte nacionalista reitera a súa oposición á PO-010 e afea que desaloxara da sesión plenaria ás representantes da Plataforma de Afectados polo Vial de Beade (Avibe), que levan un ano reclamando sen éxito unha xuntanza co rexedor
Xabier P. Igrexas: “A veciñanza demanda algo tan esencial en democracia como seren escoitadas por un alcalde que presume de dialogar con todo o mundo pero que en realidade só fala consigo mesmo”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo critica a negativa do alcalde, Abel Caballero, a escoitar no Pleno á veciñanza afectada polo vial de Beade. A fronte nacionalista afea que ás representantes da Plataforma de Afectados polo Vial de Beade (Avibe) foran desaloxadas por un amplo dispositivo policial da sesión ordinaria celebrada este mércores e tras máis dun ano reclamando sen éxito unha xuntanza co rexedor.
“A veciñanza demanda algo tan esencial en democracia como seren escoitadas por un alcalde que presume de dialogar con todo o mundo pero que en realidade só fala consigo mesmo”, reprochou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en resposta á afirmación de Caballero de que o obxectivo da Plataforma era ser expulsada do Pleno.
O edil nacionalista reiterou a esixencia ao alcalde de que atenda á veciñanza afectada por un vial que cualificou de “innecesario, sen financiamento e que ameaza con tronzar varias parroquias do rural” da cidade, como Beade, Bembrive, Matamá e Sárdoma. “Iso é o que ten que facer en vez de o xordo ou afear que veciñas e veciños intenten facerse escoitar”.
Igrexas volveu demandar a retirada no novo PXOM deste proxecto vial de alta capacidade polas graves afeccións do trazado previsto
Entre elas a posibilidade de que acaben sendo expropiadas 40 vivendas, algunhas delas construídas con recente licenza municipal, e os importantes impactos ambientais sobre a contorna que, en opinión do Bloque, é un espazo natural de importancia que Vigo ten que conservar.
O concelleiro do BNG volveu acusar ao goberno de Caballero de querer “impoñer” este vial malia a ampla oposición veciñal, e sinalou este caso como unha evidencia máis das numerosas eivas do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. “É un exemplo claro de como non se debe elaborar un novo PXOM: redactado na escuridade dos despachos, sen diálogo, participación, nin transparencia”, remachou.
#PlenoVigo
— BNG Vigo #VigoMáisAlá ✊🏼 (@bngvigo) January 25, 2023
Abel Caballero expulsa á veciñanza de @AVIBE_VialBeade da sesión tras reclamar sen éxito que o alcalde escoite as súas demandas, despois de máis dun ano esperando por unha xuntanza pic.twitter.com/bi3XcVF6BK