O BNG de Vigo rebautiza Marcador como a bancada de Shrödinguer: “Unha obra acabada e sen acabar ao mesmo tempo”
A fronte nacionalista critica que a bancada de Marcador continúe sen poder usarse tras máis de dous anos de reforma e un gasto superior aos 18 millóns de euros
Xabier P. Igrexas: “O Goberno de Abel Caballero e o Celta teñen que deixar de utilizar Balaídos como campo de batalla para facer realidade un estadio seguro, moderno e funcional”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo cualifica de “incomprensíbel” que a bancada de Marcador continúe sen poder usarse tras máis de dous anos de obras cun gasto superior aos 18 millóns de euros, dos que 3 millóns representan sobrecustos sobre o investimento inicial. A fronte nacionalista critica que o alcalde se negara a dar explicacións no último Pleno, a petición do Bloque, sobre esta reforma “a pedazos” do estadio de Balaídos que prometera completar na tempada 2017-2018.
“A polémica destes días xa nos permite rebautizar Marcador como a bancada de Schrödinger, a primeira obra na Historia acabada e sen acabar ao mesmo tempo”, ironizou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en relación ás declaracións realizadas este martes polo edil de Fomento, Javier Pardo, afirmando que a obra está rematada e a bancada xa se pode usar á vez recoñecía que quedan actuacións pendentes.
O edil nacionalista lamentou que o Goberno de Abel Caballero tente agochar a súa “nefasta xestión” na reforma de Balaídos cun “delirante” intercambio de acusacións co Real Club Celta de Vigo. Nese sentido, reclamou a ambas partes que “deixen de utilizar Balaídos como campo de batalla" porque, asegurou, “o que precisa a cidade e o que merece a afección, é que o titular do estadio e o club que o usa cooperen dunha vez para facer realidade un estadio seguro, moderno e funcional, que sexa moito máis que unha vistosa e carísima cuberta brillante que non encaixa".
Igrexas denunciou como o prometido “Guggenhein do fútbol”, como chegou a cualificalo o alcalde, vai camiño dunha “versión chapuceira da Sagrada Familia”. Así, cuestionou que a cidade leve gastados máis de 30 millóns de euros na reforma e acumule cinco anos de atraso sobre a planificación inicial cando aínda está pendente de iniciar as obras na bancada de Gol.