O BNG de Vigo tacha de “indecente” que o PSOE se negue a rexeitar as derivacións de pacientes á sanidade privada
Lamenta a negativa socialista á emenda do Bloque para incorporar unha garantía de que o aumento de recursos sanitarios vaia destinado en exclusiva a reforzar a rede pública
Xabier P. Igrexas: “O PSOE ten que explicar por que cada vez que sae a debate a sanidade privada ou o concerto singular de Povisa acaba sempre aliñándose co PP”
O Bloque Nacionalista Galego tacha de “escandaloso e indecente” que o PSOE de Vigo se negue a rexeitar as derivacións de pacientes á sanidade privada. Así quedou patente no Pleno municipal celebrado este mércores co rexeitamento a unha emenda do Bloque, que buscaba incorporar na moción socialista unha garantía de que a demanda dun Plan de Choque para aumentar os recursos sanitarios na cidade vaia destinando en exclusiva a reforzar a rede pública.
Diante desta negativa, a fronte nacionalista abstívose na votación malia compartir os argumentos de fondo da demanda socialista en relación ás listas de espera. “Non se pode defender a sanidade pública e ao tempo ollar para outro lado mentres a Xunta do PP desvía cada ano 160 millóns de euros de diñeiro público en favor das empresas da sanidade privada na área sanitaria de Vigo”, criticou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista pediu explicacións ao grupo municipal socialista por impedir esta precisión.
“O PSOE de Caballero ten que explicar por que cada vez que sae a debate a derivación de pacientes e de recursos á sanidade privada, ou cuestións como o concerto singular de Povisa, acaba sempre aliñándose por acción ou por omisión co PP”
Igrexas cuestionou ademais que centros privados como Povisa sexan beneficiarios dun “suplemento millonario” para alixeirar a carga asistencial do Hospital Álvaro Cunqueiro mentres acumula as súas propias listas de espera de pacientes derivados da pública. “É un mecanismo absolutamente pernicioso porque exerce unha coacción sobre as persoas que necesitan consulta ou intervención de que van á privada ou esperan sine die”.
O concelleiro do BNG asegurou que “non caben medias tintas” cando a cidadanía de Vigo reclamou de “maneira masiva, reiterada e contundente” o seu dereito a unha sanidade cento por cento pública, universal e con recursos humanos e materiais suficientes. “Ou se está co público ou se está con seguir facendo negocio da saúde e engordando as carteiras dos amigos do PP no ámbito sanitario”, remachou.
Desde a fronte nacionalista chamaron ao alcalde, Abel Caballero, a explicar por que se pregou á petición go grupo municipal dos populares para rexeitar a emenda nacionalista que pretendía blindar máis medios para a sanidade pública. “Desde logo é moi preocupante que o PP poida votar a favor dunha moción sobre as listas de espera”, ilustrou o edil do Bloque sobre o resultado do debate plenario.