O BNG de Vigo urxe investigar a orixe da elevada presenza de bacterias fecais nun tramo da praia de Samil
A fronte nacionalista solicita acceder ao expediente que motivou a decisión de desaconsellar o baño á altura do areal da Argazada, diante dos indicios que apuntan a unha vertedura de augas non depuradas.
Xabier P. Igrexas: «O Concello ten que realizar un control máis exhaustivo que evite a presenza de verteduras incontroladas e augas contaminadas no noso litoral»
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo urxe investigar a orixe da elevada presenza de bacterias fecais na praia de Samil, á altura do areal da Argazada. A fronte nacionalista solicita acceder ao expediente íntegro para coñecer en detalle a situación que levou a desaconcellar este pasado sábado o baño neste tramo e chama á concellería de Medio Ambiente a actuar con «dilixencia» para aclarar a causa da contaminación.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou a situación de «alarmante» pola elevada presenza de bacterias fecais como a Enterococco intestinal e Escherichia coli, segundo revelaron as análises da Dirección Xeral de Saúde Pública, así como de «insólita» pola localización das mesmas, na zona central da praia de Samil.
«Este tipo de presenzas bacteriolóxicas teñen sido máis frecuentes nas inmediacións da desembocadura do Lagares, por algunha parada ou problema na Estación Depuradora de Aguas Residuales (EDAR), mais neste tramo xa tan avanzado se deberon historicamente a verteduras directas de augas sen depurar, nalgúns casos con orixe no antigo hotel Samil», explicou o edil nacionalista.
Os primeiros indicios apuntan a unha vertedura de augas non depuradas como causa
Desde a fronte nacionalista demandaron unha investigación urxente da concellaría de Medio Ambiente que aclare os motivos e depure responsabilidades. Igrexas reclamou ademais monitorizar e exercer un «control máis exhaustivo» que evite a presenza de verteduras incontroladas e augas sen depurar ou contaminadas no litoral vigués.