O BNG cuestiona a venda de Povisa a unha nova multinacional e reclama adquirir o hospital para incorporalo na rede pública
A fronte nacionalista denuncia a complicidade da Xunta nesta operación “especulativa”, que convirte en “mercadoría” a atención de 130 mil persoas da área sanitaria de Vigo
Acusa ao Goberno galego do PP de engordar o negocio do centro privado, cuxa facturación depende nun 80% das inxeccións de cartos públicos
Montse Prado: “Todas as decisións tomadas foron na dirección de condicionar a prestación sanitaria pública para manter o concerto millonario con Povisa”
O Bloque Nacionalista Galego cuestiona a venda de Povisa a unha nova multinacional e reitera a reclamación de adquirir o hospital para incorporalo na rede sanitaria pública. A fronte nacionalista denuncia a complicidade da Xunta nesta operación que cualifica de “especulativa” e acusa ao Goberno galego de convertir en “mercadoría” a atención das 130 mil persoas adscritas ao centro na área sanitaria de Vigo.
Así o trasladou a portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, durante unha interpelación no Parlamento galego, na que expresou a “enorme preocupación” xerada entre a poboación e o persoal pola venda do centro á multinacional francesa Vivalto Santé, tres anos despois de que o hospital fora adquirido pola compañía estadounidense Centene a prezo de “ganga” e após ser rescatado e capitalizado con cartos públicos.
“Todas as decisións tomadas pola Xunta foron na dirección de condicionar a prestación sanitaria pública na área de Vigo, co obxectivo de reforzar e manter o concerto millonario con Povisa”, denunciou Prado, que lamentou a falla de explicacións da xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, en relación ás numerosas dúbidas arredor desta operación.
A portavoz de Sanidade do BNG subliñou que “o valor fundamental de Povisa é o concerto co Sergas”, pois a facturación do maior hospital privado de Galiza depende nun 80% das inxeccións de cartos públicos, que superan os 100 millóns de euros anuais
“Máis unha vez queda demostrado que o PP actúa como facilitador da sanidade privada a costa da pública”, recriminou. Nese sentido, lembrou que a redución de camas, servizos e prestacións na área sanitaria de Vigo, en particular no hospital Álvaro Cunqueiro, así como manter infrautilizadas outras infraestruturas como o Meixoeiro, forman parte desta estratexia privatizadora do Goberno de Rueda
Reféns das multinacionais
A voceira nacionalista acusou tamén á Xunta de non actuar para comprobar a calidade asistencial das e dos doentes adscritos a Povisa, e de mirar cara outro lado diante das reiteradas vulneracións dos dereitos laborais das e dos 1.400 profesionais do centro. “Coas súas políticas, o PP só busca asegurar o negocio das multinacionais da sanidade, convertindo aos doentes e ao persoal en reféns permanentes da empresa”, asegurou Prado.
Desde a fronte nacionalista insistiron no seu rexeitamento “contundente” a esta nova venda que “compromete o dereito irrenunciábel a un servizo público esencial” como a atención sanitaria.
“Non se reduce a unha operación entre sociedades privadas toda vez que Povisa é un grande perceptor de diñeiro público”, salientou Prado, de vez chamou a rematar coa “anomalía” de que case a metade da poboación da área de Vigo reciba atención neste centro privado.
A portavoz do BNG interpelou tamén ao Goberno galego para que aclare se ofreceu algunha garantía ás multinacionais de cara a manter o concerto co Sergas, que terá que ser renegociado proximamente.
“O PP na vez de facilitar, encubrir e permitir a venda de Povisa a unha nova multinacional, que como a actual só busca o negocio, ten que poñerse a traballar para mercar este hospital e integralo á rede sanitaria pública”, remachou Prado.
De non se realizar esta compra de forma inmediata, pediu iniciar o proceso para declarar o centro de interese público, garantindo a calidade asistencial e o mantemento dos postos de traballo, así como realizar unha auditoría das contas e da xestión de Povisa no relativo ao concerto co Sergas.