O BNG de Vigo lamenta o falecemento do histórico sindicalista Agustín Malvido
O concelleiro e candidato do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas, expresou o seu “máis profundo recoñecemento a toda unha vida dedicada á loita sindical en favor da clase traballadora galega e o seu compromiso coherente co nacionalismo galego”
O Bloque Nacionalista Galego traslada publicamente o seu pésame após o pasamento no día de hoxe do histórico sindicalista, Agustín Malvido Broullón, que foi o primeiro secretario comarcal da CIG en Vigo.
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, expresou o seu fondo pesar e transmitiu, en nome da fronte nacionalista, o seu “máis profundo recoñecemento a toda unha vida dedicada á loita sindical en favor da clase traballadora galega”.
“Agustín Malvido xogou un papel fulcral no abrollar do sindicalismo nacionalista e de clase e co seu desempeño incombustíbel axudou a eito a empurrar a causa das traballadoras e traballadores de Vigo e de Galiza”, recoñeceu Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista salientou tamén o seu “compromiso coherente co nacionalismo galego”, destacando a súa xenerosidade á hora de integrar as candidaturas do BNG ao Parlamento europeo en 1999 e nas eleccións municipais en Vigo no 2007.
“Malvido é un expoñente dunha xeración á que lle debemos unha inmensa gratitude, por se revolver fronte á inxustiza en tempos moi duros e complexos en favor dos dereitos da maioría social e das liberdades, sempre coa cabeza e co corazón en Galiza”, acrecentou
Agustín Malvido foi operario na fábricas viguesas de Álvarez e Vidros La Florida, e desempeñou como secretario comarcal en Vigo desde 1980, primeiro da ING, da INTG, CXTG (organizacións antecesoras da CIG) e desde 1994 e até 1997 da propia Confederación Intersindical Galega. Fixo parte do Consello Económico e Social do Concello de Vigo (actual Consello Social da Cidade) e en 1998 foi recoñecido como Vigués Distinguido.
Desde a fronte nacionalista envían o seu afecto e alento á familia, amizades e compañeiras e compañeiros de loita do histórico sindicalista.