O BNG de Vigo pide abrir unha nova etapa de cooperación institucional entre Porto e Concello
Xabier P. Igrexas: «O fallo do Tribunal Supremo sobre o paseo das Avenidas ten que ser un punto e a parte. Hai que abrir unha nova etapa de diálogo, de cooperación e colaboración institucional entre administracións»
A fronte nacionalista propón a creación dunha Mesa do Porto que aborde a desafectación portuaria de ámbitos que xa son «urbanos e municipais» na práctica.
O Bloque Nacionalista Galego reaccionou ao fallo do Tribunal Supremo (TS) que desestima os recursos do Concello de Vigo e confirma as sentenzas do TSXG nas que se determinaba que era competencia municipal o mantemento do Paseo das Avenidas, demandando colaboración entre administracións.
«O fallo do TS sobre o paseo das avenidas ten que ser un punto e a parte. Hai que abrir unha nova etapa de diálogo, de cooperación e colaboración institucional entre administracións», demandou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. Neste sentido, sinalou que se ben o fallo deixa claro que o Concello non cumpriu coas súas obrigas, recollidas dentro do convenio Abrir Vigo ao Mar, a Autoridade Portuaria (APV) era a titular deses espazos e malia coñecer desde anos atrás que non se estaba a realizar un mantemento adecuado non actuou. «Estamos diante dun caso evidente de irresponsabilidade compartida», acrecentou.
Igrexas sinalou que «o que nos trouxo até aquí foi a desavinza, a confrontación e a permanente lea partidista», polo que afeou ao alcalde, Abel Caballero, que «acate coa boca pequena» o fallo xudicial e criticou que a candidata do PP de Vigo e Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, «intentase utilizar as 467 persoas que resultaron feridas no fatídico accidente do Marisquiño, esquecendo que o presidente da Autoridade Portuaria nesa altura era un alto cargo do seu partido».
Desde a fronte nacionalista reiteraron a proposta de crear unha Mesa do Porto, integrada polo Concello, APV, representantes de todos os sectores portuarios, sindicatos, veciñanza, organizacións de defensa ambiental e a Universidade de Vigo. «Esta Mesa ten que ser un grande foro para cooperar con lealdade, sumando para desenvolver desde a sustentabilidade as potencialidades portuarias de Vigo pero, sobre todo, para abordar con urxencia a mellor integración da realidade portuaria na cidade», explicou o portavoz municipal nacionalista.
No concreto, Igrexas urxiu a abordar a desafectación portuaria de ámbitos de interacción que xa son «urbanos e municipais na práctica», como a Avenida de Beiramar, os espazos dotacionais de Bouzas (campo de fútbol, centro de maiores, instituto de audiovisuais, pavillón deportivo e Instituto de Investigacións mariñas), a zona central lúdico portuaria ou a praia de Mende