O BNG urxe a apertura do Centro Galego de Fotografía e Cinema e rexeita que se dedique o seu edificio a ser sede da Deputación de Pontevedra
A fronte nacionalista rexeita de plano dedicar o inmoble, reformado por case 2 millóns de euros, a unha “innecesaria e inxustificada” sede da Deputación de Pontevedra.
Tras o anuncio do Goberno municipal de Vigo de que se vai instalar un reloxo na Porta do Sol para contar os días que restan até o acendido do alumeado de nadal, desde o BNG veñen de formular unha proposta alternativa: “Que ese reloxo conte os días que falten para poñer en marcha, para abrir dunha vez por todas, o Centro Galego de Fotografía e Cinema da rúa Chao, que despois rebautizaron como Centro de Arte Fotográfico de Vigo (Cafvi)”. Así o reclamou o concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, quen lembrou que ese espazo estivo aberto apenas 3 meses e que leva máis de 4 anos fechado, despois dun investimento de case 2 millóns de euros.
Para Igrexas a situación de total abandono do chamado Cafvi é "un exemplo clamoroso da política de desertización cultural que practica o PSOE". "A este Goberno municipal nada lle interesa a cultura, só lles interesa a fanfarria que xere titulares e que permita que o alcalde continúe na súa xira polos platós das televisións españolas para maior autobombo", reprochou.
Rexeitan que se instale a Deputación
O BNG vigués expresa tamén o seu rexeitamento a que o edificio da rúa Chao, en pleno Casco Vello, se destine a un uso diferente que para albergar o Centro Galego de Fotografía e Cinema para o que foi deseñado. Unha instalación que “permitiría poñer en valor e permitir o acceso social aos valiosísimos fondos fotográficos dos que conta a cidade e que fican a escuras” e que representaría “un instrumento para dinamizar unha disciplina artística na que Vigo ten moito que facer, e na que a nosa cidade podería estar no mapa internacional".
Desta maneira, desde a fronte nacionalista descartan que o inmoble se poida dedicar, como se anunciou nos medios, para unha oficina administrativa ou sede institucional da Deputación de Pontevedra. "Para que necesita a Deputación unha sede en Vigo? Se o que queren é unha sede máis para o PSOE que a pague o PSOE. Non hai ningunha xustificación, nin ningunha necesidade, como se demostrou durante estes anos nos que a sede do antigo reitorado estivo practicamente inoperante" retruca Pérez Igrexas.
O voceiro nacionalista lembrou, ademais, que a posición do BNG sobre as deputacións é clara e meridiana: "apostamos pola súa desaparición". Nese sentido, sinalou que mentres non desapareza este "ente anacrónico e sen función real" a contribución do BNG está a ser a de esvacíar de contidos e competencias as Deputacións para transferir os seus recursos aos concellos “que son os que teñen capacidade par actuar”.
"Se hai un ámbito en toda a provincia de Pontevedra onde é evidente que a Deputación non ten ningunha razón de ser é a cidade de Vigo, e por iso non podemos compartir que se queira destinar un edificio deseñado para albergar un grande centro cultural para lle colocar un despacho e unha sala de recepcións á presidenta da Deputación de Pontevedra", concluíu o edil do Bloque na cidade olívica.