O BNG de Vigo solicita medidas adicionais da Xunta e do Concello diante da preocupante evolución da pandemia
A fronte nacionalista demanda reforzos sanitarios para enfrontar a crecente presión hospitalaria e adecuar a organización de grandes eventos para extremar as precacucións.
Xabier P. Igrexas: “Que non nos poida o afán de contabilizar millóns de visitas por enriba de asegurar millóns de vidas e o dereito á saúde, tanto das persoas que vivimos en Vigo como das que nos visitan”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar medidas adicionais tanto da Xunta de Galiza como do Concello para facer fronte á evolución da pandemia do coronavirus na área de Vigo. A fronte nacionalista traslada a súa “profunda preocupación” diante dos datos desta sexta vaga, con máis de 100 persoas hospitalizadas e cun milleiro de casos positivos rexistrados durante a última semana só na cidade de Vigo.
“Estamos nuns niveis de contaxio moi perigosos, cun crecemento sostido e acelerado da presión asistencial”, explicou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas. “É momento de actuar, non se pode esperar, temos a experiencia de vagas anteriores onde cada día foi crucial, onde anticiparse significou un menor impacto en termos de saúde e de vidas”.
Por estes motivos, desde o BNG reclamaron que o Goberno galego incremente de forma urxente e substancial os medios na área sanitaria de Vigo, onde se están a suspender novamente operacións cirúrxicas non urxentes polo incremento dos contaxios. “A Xunta non pode ficar impasíbel, hai que reforzar e adoptar todas as medidas organizativas que permitan enfrontar coa maior robustez este golpe que está a ser a sexta vaga”, demandou Igrexas.
O portavoz municipal das nacionalistas de Vigo fixo tamén un chamamento ao Goberno municipal para que extreme as medidas de prevención, entre elas, a necesidade de adecuar a este novo contexto de carácter sociosanitario a planificación de grandes eventos públicos, en particular da programación de nadal.
“Que non nos poida o afán de contabilizar millóns de visitas por enriba de asegurar millóns de vidas e o dereito á saúde, tanto das persoas que vivimos en Vigo como das que nos visitan”, remachou Igrexas.