Xabier P. Igrexas: "Se Abel Caballero e Carmela Silva non dan explicacións polo caso enchufe, teremos que demandalas no Pleno”
A fronte nacionalista esixe que o PSOE cumpra co seu propio código ético diante do gravísimo caso de corrupción relacionado coa cuñada da primeira tenente de alcalde.
O BNG insisten en reclamar a posta en marcha de medidas adicionais para evitar novos casos de corrupción e enchufismo no Concello de Vigo.
O Bloque Nacionalista Galego vén de advertir ao Goberno municipal de Vigo que o seu silencio sobre o caso 'enchufe' resulta intolerábel e, no caso de non dar explicacións, están dispostos a demandalas no Pleno da cidade. A fronte nacionalista considera inaceptábel que, transcorrida unha semana desde a condena por corrupción a un alto funcionario do Concello de Vigo con estreitos vínculos co PSOE, non se teña depurado ningunha responsabilidade política.
“O alcalde Abel Caballero e a primeira tenente de alcalde Carmela Silva van ter que dar explicacións si ou si. Agardamos que sexa por vontade propia, pero se non hai unha rectificación e non se asumen responsabilidades políticas diante deste escándalo sen precedentes na nosa cidade, o BNG estamos en condicións de asegurar que imos esixilas, de ser necesario, no Pleno”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
"Se non asumen responsabilidades políticas diante deste escándalo sen precedentes na nosa cidade, o BNG estamos en condicións de asegurar que imos esixilas, de ser necesario, no Pleno", advirte o concelleiro nacionalista en Vigo.
O concelleiro do BNG na cidade recordou que o propio código ético do PSOE fala de forma expresa de exemplaridade ética. “Non pode habela cando diante dunha trama de corrupción que envolve á cuñada da primeira tenente de alcalde, e que se saldou co roubo de 108.000 euros de diñeiro público por non prestar ningún servizo, o Goberno municipal decide agocharse no silencio para evitar o escrutinio da veciñanza de Vigo”, subliñou Igrexas.