O BNG de Vigo esixe orzamentos participativos na elaboración das contas municipais para 2023
A fronte nacionalista reclama abrir un proceso de consulta co tecido asociativo, cos movementos sociais e co conxunto da veciñanza para deseñar os próximos presupostos
Xabier P. Igrexas: “Queremos que entre todas e todos decidamos a que imos dedicar os recursos municipais, que sexan as viguesas e os vigueses quen decida en que sentido orientar o investimento público”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo esixe que a elaboración das contas municipais para 2023 conte con participación veciñal, após o anuncio por parte do alcalde, Abel Caballero, do inicio da tramitación dos presupostos. A fronte nacionalista reclama abrir un proceso de consulta directa que permita recoller as “necesidades reais” da veciñanza e poñer fin ao “abandono” dos barrios e parroquias da cidade.
“Queremos que entre todas e todos decidamos a que imos dedicar os recursos municipais, queremos que sexan as viguesas e os vigueses os que decidan en que sentido orientar o investimento público”, defendeu o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que pediu sumar ao tecido asociativo, aos movementos sociais e ao conxunto da veciñanza neste proceso para deseñar os próximos presupostos.
Igrexas remarcou a necesidade de adaptar as contas municipais ao contexto de emerxencia social provocada pola suba disparada da inflación e fronte ao aumento da pobreza, así como para actuar diante da “desertización” produtiva e industrial que padece a cidade.
“Non podemos seguir soportando orzamentos que insisten en investimentos millonarios e inaugurábeis só no centro da cidade, mentres os nosos barrios e parroquias continúan abandonados”, subliñou.
O edil nacionalista chamou a poñer de novo a cidade como referente da participación veciñal, apostando por uns orzamentos participativos como os que existen desde hai varias décadas en numerosas cidades do mundo. “Vigo xa fomos vangarda nesta materia, daquela da man do propio BNG, impulsando no ano 1991 o regulamento de participación cidadá”, destacou.
Neste sentido, desde a fronte nacionalista insistiron na urxencia de deixar de elaborar os orzamentos pensando en “alimentar o ciclo de noticias” para favorecer os intereses do Goberno local do PSOE, a quen cualificaron de “fake” por deixar o pasado exercicio 120 millóns de euros sen gastar. “Queremos uns orzamentos que permitan enfrontar este contexto de crise, impulsar as moitas potencialidades que ten a cidade e reforzar de forma substancial os servizos públicos que recibe a veciñanza de Vigo”, salientou.