O BNG traslada cinco medidas ao Goberno municipal para combater a vaga de calor en Vigo
A fronte nacionalista pide adecuar os horarios das obras públicas, despregar un dispositivo de calor nos servizos para as persoas máis vulnerábeis, crear un programa de préstamo gratuíto de equipos de ventilación, converter as dependencias municipais en refuxios climáticos e emitir un bando con recomendacións sociosanitarias.
Xabier P. Igrexas: “É preciso que o Concello actúe xa para garantir a mellor protección da saúde e do confort térmico das viguesas e dos vigueses”
O Bloque Nacionalista Galego vén de trasladar cinco medidas ao Goberno municipal para combater a actual vaga de calor en Vigo. A fronte nacionalista pide adecuar os horarios das obras públicas, despregar un dispositivo de calor nos servizos municipais, crear un programa de préstamo gratuíto de equipos de climatización, converter as dependencias municipais en refuxios climáticos e emitir un bando con recomendacións sociosanitarias.
“Diante das temperaturas extremas, por riba dos 35 graos e cunha sensación térmica aínda maior, o BNG entendemos que é momento de que o Concello actúe para garantir a mellor protección da saúde e do confort térmico do conxunto das viguesas e dos vigueses”, demandou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
- O edil nacionalista reclamou en primeiro lugar que o Goberno local se dirixa de forma “urxente” ás empresas adxudicatarias de obras públicas para que adecúen os horarios e a xornada laboral á situación climatolóxica. “Non é tolerábel nin humano que obras municipais, financiadas con diñeiro público, sexan o escenario de riscos laborais, mesmo coa posibilidade de situacións fatídicas por culpa dun golpe de calor”, advertiu.
- Igrexas chamou ademais a despregar un dispositivo de calor que reforce os servizos municipais que atenden á poboación máis vulnerábel, como o Servizo de Axuda no Fogar ou o programa de Coidadores e Coidadoras de Barrio, así como activar un protocolo de emerxencia por parte do albergue municipal para axudar ás persoas que seguen malvivindo nas rúas da cidade a enfrontar a vaga.
- Diante da crecente pobreza enerxética, o concelleiro do BNG propuxo a posta en marcha dun servizo de préstamo gratuíto de equipos de climatización e ventilación para aqueles fogares que non contan con recursos para adquirilos. “É unha medida de xustiza social que xa se está a aplicar noutras grandes cidades do Estado para axudar a quen máis o necesita nun contexto de inflación disparada e empobrecemento xeneralizado”, salientou.
- Na mesma liña, pediu converter en “refuxios climáticos” as dependencias que son titularidade do Concello de Vigo que contan con instalacións de aire acondicionado, como as oficinas municipais de distrito, a rede museística ou as bibliotecas. “Esta proposta non supón ningún custo engadido e precisa dunha escasa xestión”, matizou Igrexas, que considerou estes espazos como unha alternativa para aquelas veciñas e veciños que non contan con vivendas adaptadas a nivel térmico.
- Ante as previsións dun verán con elevadas temperaturas, o edil nacionalista chamou ao alcalde de Vigo a emitir un bando municipal “co máximo alcance de difusión e publicidade” para trasladar á poboación recomendacións de carácter sociosanitario que permitan enfrontar con “seguridade e garantías para a saúde e o confort” esta vaga de calor.