O BNG de Vigo pide unha verdadeira política municipal en favor da memoria democrática na cidade
A fronte nacionalista propón a creación dunha Comisión no Concello que pule pola retirada de toda a simboloxía franquista na cidade e promova a recuperación e dignificación da memoria histórica
Xabier P. Igrexas: “A mellor homenaxe a tantas persoas asasinadas e represaliadas polo fascismo é actuarmos para retirar da nosa cidade todos os vestixios e símbolos dos seus asasinos”
O Bloque Nacionalista Galego propón a creación dunha Comisión para a Memoria Democrática no Concello de Vigo para retirar toda a simboloxía franquista da cidade e promova a recuperación e dignificación da memoria histórica.
Un día despois da celebración do acto institucional de homenaxe aos alcaldes de Vigo e Lavadores, Emilio Martínez Garrido e José Antela Conde, que foron asasinados en 1936 nas tapias do cemiterio de Pereiró xunto a outros dirixentes políticos e sindicalistas republicanos,o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que a “recuperación da memoria democrática en Vigo ten que ser un compromiso real e non apenas un xesto ritual”.
“Non abonda con realizar un pequeno acto de recoñecemento en Pereiró, a mellor homenaxe a Emilio Martínez Garrido, a José Antela Conde e a tantos e tantas asasinadas e represaliadas polo fascismo, é actuarmos para retirar da nosa cidade todos os vestixios e símbolos dos seus asasinos que permanencen nas nosas rúas e edificios públicos” afirmou.
O portavoz municipal nacionalista aludiu as palabras do propio alcalde, Abel Caballero, que no acto realizado onte recoñecía a importancia da memoria como mellor antídoto diante da ameaza regresiva que representa a dereita reaccionaria e para fortalecer unha democracia vulnerábel.
Por iso desde o BNG volven instar o alcalde a pasar dos discursos aos feitos, das grandes palabras ás medidas concretas. “Con ese obxectivo imos volver propoñer a creación dunha Comisión para a Memoria Democrática no Concello de Vigo, que teña dous grandes obxectivos: avanzar na retirada completa de toda a simboloxía franquista, incluída a Cruz do Castro, e pular pola recuperación da memoria histórica”, explicou Igrexas. Esta comisión estaría integrada por representantes de todos os grupos municipais da Corporación, por persoas expertas no ámbito da memoria e tamén por colectivos e entidades sociais comprometidas neste obxectivo.
“O Goberno municipal ten a oportunidade de rectificar e demostrar un compromiso en favor da dignificación democrática que vaia alén de imposturas cínicas” aseverou Igrexas.
Desde o BNG apostan con esta iniciativa por despregar unha axenda política clara e concreta para seguir avanzando en Vigo na restitución da memoria, como un “paso imprescindíbel para combater o fascismo que volve asomar cabeza e para apoiar as vítimas do franquismo que seguen a esperar a verdade ,a xustiza e a reparación que merecen”.