O BNG de Vigo pide ao Concello que garanta a accesibilidade ao centro de saúde de Lavadores

Aspecto do vial de acceso ao centro de saúde desde Ramón Nieto

As obras de instalación das ramplas mecácnicas impediron o acceso esta mañá a persoas que tiñan que acudir a vacinarse

A fronte nacionalista demanda á concellaría de Fomento que se adopten as medidas necesarias para garantir a accesibilidade, sobre todo de persoas maiores e con mobilidade reducida, mentras duran as obras 

O BNG de Vigo pide ao Concello que garanta a accesibilidade ao centro de saúde de Lavadores

 

1697645470008

O Bloque Nacionalista Galego solicitará á concellaría de Fomento que garanta a accesibilidade ao centro de saúde de Lavadores mentras duran as obras de instalación das ramplas mecánicas. Así o anunciou o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras comprobar in situ esta mañá as dificultades denunciadas pola veciñanza e que motivaron varias queixas ao Concello.

Esta mañá varias persoas non puideron acceder ao centro de saúde por causa da maquinaria de obra que ocupaba o vial de acceso que con Ramón Nieto e polo estado impracticábel da beirarrúa, esvaradiza pola abundante presenza de lama. Isto impediu mesmo que unha anciá con mobilidade reducida puidese acudir a vacinarse.

Presenza de lama na única beirarrúa transitábel

Deslocado até o lugar a última hora da mañá, Igrexas puido comprobar as malas condicións de acceso e a ausencia de pasarelas peonís que garantan o tránsito seguro. Emporiso, vai solicitar formalmente á concellaría de Fomento que dea instrucións á empresa encargada das obras para poñer solución inmediata a esta situación.

«Este vial é o acceso a unha dotación absolutamente esencial como o centro de saúde, ao que teñen que acudir persoas maiores e con problemas de mobilidade. As obras de instalación das ramplas mecánicas, que se van demorar como mínimo até finais de maio do ano próximo, non poden ser unha nova barreira», demandou o portavoz municipal nacionalista.

Desde o BNG critican que este caso volve evidenciar a falla de supervisión e seguimento das obras públicas por parte do Concello, polo que insisten en demandar a creación dunha Comisión de Seguimento a nivel municipal. «Non podemos seguir aceptando que as obras sexan un verdadeiro calvario para a veciñanza», esixiu.

O BNG de Vigo pide ao Concello que garanta a accesibilidade ao centro de saúde de Lavadores