O BNG de Vigo urxe que se resolvan as becas municipais para comedores escolares

As axudas están pendentes de resolución desde o pasado 30 de xuño e sen un prazo claro para que conclúa a súa tramitación

Xabier P. Igrexas: “Temos que alertar de que neste momento hai familias que non están levando as súas crianzas ao servizo de comedor do seu colexio porque non saben se están becadas ou becados e sen esta axuda municipal non poden permitirse o custo do servizo” 

O BNG de Vigo urxe que se resolvan as becas municipais para comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir ao Goberno municipal de Vigo a que axilice ao máximo a resolución e o abono das axudas municipais de libros, material escolar e comedor. Fano diante da falla de avances na tramitación dunhas becas “vitais” para máis de 3 mil familias da cidade e cando xa transcorreu máis dun mes desde o inicio do actual curso escolar.

O Portavoz municipal do  BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembra que “o Concello dispón de toda a documentación para tramitar as axudas desde o pasado 30 de xuño, cando rematou o prazo de solicitude” pero as familias continúan sen noticias sobre as mesmas.

“Temos que alertar de que neste momento hai familias que non están levando as súas crianzas ao servizo de comedor do seu colexio porque non saben se están becadas ou becados e sen esta axuda municipal non poden permitirse o custo do servizo. Falamos de familias de baixos ingresos, moitas delas en situación de vulnerabilidade social, que se vén privadas dun servizo esencial para garantir a alimentación dos seus fillos e fillas pola falla de xestión do Goberno de Abel Caballero”, denunciou Igrexas.

Para as nacionalistas esta situación é especialmente grave tendo en conta que xa o ano pasado se produciu un importante atraso nestas becas, que comezaron a pagarse en decembro, a poucos días do remate do primeiro trimestre lectivo. “Non hai ningún tipo de xustificación que as familias non poidan coñecer a inicio de curso se van recibir ou non esta axuda municipal. Só a incompetencia do Goberno”, afirma o portavoz municipal nacionalista.

O pasado mes de xuño o BNG xa demandara ao Goberno local que adoptase todas as medidas necesarias para garantir a resolución das solicitudes de axuda antes do inicio do curso, precisamente para evitar a situación que se está a padecer arestora.

“Pode que estas becas non luzan tanto como o ascensor HALO, nin dean lugar a fastosas inauguracións e fotografías do alcalde, pero deberan ser unha prioridade para o Concello Vigo. Menos propaganda e máis xestión, iso é o que merecen as viguesas e vigueses”, remacha Igrexas.

O BNG de Vigo urxe que se resolvan as becas municipais para comedores escolares