O BNG denuncia recortes dun 90% dos recursos na reapertura de Vigosónico
A fronte nacionalista cualifica de “tomadura de pelo” que se retome a actividade do espazo xuvenil, tras dous anos de peche, con menos servizos dos que prestaba.
Xabier P. Igrexas: “O que leva meses pedindo a mocidade é que lles devolvan Vigosónico con todos os servizos que tiña e Caballero só vai contratar un conserxe".
O Bloque Nacionalista Galego denuncia importantes recortes na reapertura de Vigosónico, anunciada para o vindeiro 3 de maio. A fronte nacionalista cualifica de “tomadura de pelo e estafa política” que se retome a actividade deste espazo xuvenil con menos servizos, após dous anos de peche a causa da pandemia, e desoíndo as continuadas demandas da mocidade e dos grupos musicais da cidade.
“No prego do contrato menor que está a tramitar o goberno de Abel Caballero para a reapertura do Vigosónico até final de ano se vai reducir nun 90% o diñeiro que o Concello de Vigo destinaba a financiar o funcionamento deste importante espazo xuvenil”, destacou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
"O Vigosónico vai pasar dun custo mensual de preto de 17 mil euros a pouco máis de 1.700", detallou o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista criticou que o Goberno municipal vaia reabrir as instalacións cunha soa persoa contratada en funcións de conserxaría, prescindido do resto de perfís profesionais cos que contaba antes da clausura. “Non vai haber, como había, un técnico/a especialista en son, nin un técnico/a de animación sociocultural, nin un graduado/a que coordine e dinamice o espazo nin tampouco persoal de servizos xerais”, salientou.
Igrexas lembrou as reiteradas iniciativas e interpelacións realizadas polo Bloque para coñecer con detalle as condicións da reapertura, a última esta mesma semana na Comisión Informativa de Xuventude, sen obter nunca unha resposta. Afeou ademais os numerosos anuncios do Goberno municipal prometendo melloras significativas cara a reapertura que, finalmente, se traducen nun recorte de boa parte dos servizos e actividades que prestaba.