O BNG de Vigo cualifica de “estafa antisocial” o novo “sablazo fiscal” de Caballero
A fronte nacionalista rexeita a suba xeral nun 4% dos impostos e taxas municipais e anuncia unha ampla batería de emendas para avanzar cara a unha “fiscalidade socialmente xusta”
Xabier P. Igrexas: “É inxusto e irracional seguir aumentando as taxas e impostos mentres o Goberno municipal deixa cada ano sen gastar case o 40% do orzamento”
O Bloque Nacionalista Galego rexeita a suba xeneralizada nun 4% dos impostos e taxas municipais anunciada onte polo Goberno municipal de Vigo. Este incremento engádese ao xa aplicado o ano pasado e carece de xustificación económica toda vez as arcas municipais dispoñen dun amplo remanente de tesourería.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “estafa social o novo sablazo fiscal de Abel Caballero”, sinalando que é “inxusto e irracional seguir aumentando as taxas e impostos mentres o Goberno municipal deixa cada ano sen gastar case o 40% do orzamento”.
O portavoz municipal nacionalista rexeitou a “demagoxia fiscal” que, segundo apuntou, practican o PSOE desde o Goberno municipal e o PP na oposición. “A chave á hora de decidir sobre impostos é quen os paga e canto paga”, argumentou, expresando a oposición da fronte nacionalista tanto a subas de carácter xeral como a rebaixas universais. En troca, o BNG defende “avanzar cara a unha fiscalidade xusta socialmente e, polo tanto, progresiva e equidistributiva”.
Igrexas denunciou que o pasado ano 2023, despois dunha suba doutro 4%, o Concello fechou o exercicio con 213 millóns de euros de remanente e que a 30 de xuño deste ano só estaba executado o 20 por cento do orzamento deste 2024.
Desde a fronte nacionalista critican con dureza a “preguiza e inercia na xestión” da área de Facenda do Concello, e acusan o concelleiro Jaime Aneiros de limitarse a un “mal copia e pega que sempre acaba facendo que as viguesas e vigueses paguen máis”.
Neste sentido consideran “aberrante” que un goberno municipal que se di progresista pretenda aplicar unha suba impositiva que se sitúa máis dun punto porcentual por acima do incremento salarial promedio pactado, que foi en xuño do 2,99% na provincia de Pontevedra segundo datos oficiais do Consello Galego de Relacións Laborais. “As clases populares e traballadoras que representan a maioría social da cidade siguen padecendo o impacto da inflación, con salarios, prestacións e pensións que seguen a perder poder adquisitivo e non merecen que o Concello empurre o seu empobrecemento”, sinala Igrexas.
Igrexas anuncia que promoverán unha ampla batería de emendas ás ordenanzas fiscais do vindeiro ano para alargar as “bonificacións e exencións atendendo a situación económica real das familias viguesas”. “Queremos que quen menos pode, menos pague”, resumiu.