O BNG propón 83 melloras aos orzamentos de Vigo para 2022 elaborados sen diálogo polo Goberno municipal

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas en rolda de prensa no Concello de Vigo

A fronte nacionalista presenta emendas parciais por importe de 12,2 millóns de euros para “sumar en positivo con propostas construtivas" no proxecto de contas do próximo exercicio.

Xabier P. Igrexas: “Estos presupostos demostran que Abel Caballero non ten proxecto para a cidade, non hai ideas, nin ambición, todo fica reducido a propaganda”.

O BNG propón 83 melloras aos orzamentos de Vigo para 2022 elaborados sen diálogo polo Goberno municipal

O Bloque Nacionalista Galego presentou este martes unha batería de 83 emendas parciais ao proxecto de orzamentos municipais para o exercicio 2022. A fronte nacionalista cualificou como “pura inercia” as contas presentadas polo Goberno municipal por seren elaboradas “sen contar con ningúen” e, por tanto, sen responder “as necesidades reais dos barrios e parroquias da cidade”, polo que propuxo melloras que ascenden a 12,2 millóns de euros co fin de “sumar en positivo con propostas construtivas”.

“Non se trata na opinión do BNG de devolver uns orzamentos por considelalos moi malos, senón contribuír a melloralos recollendo demandas e propostas que nos trasladaron diferentes colectivos e entidades coas que mantemos un diálogo permanente, recollendo as inquedanzas que o alcalde de Vigo non quere escoitar”, explicou en rolda de prensa o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que subliñou que a forza nacionalista é a única da oposición que non presentou emenda á totalidade.

Igrexas argumentou os motivos para as emendas parciais, pois no actual contexto de “grave crise social, laboral, produtiva e comercial” que afecta á cidade, e de maneira directa ás clases populares e traballadoras de Vigo, sería unha decisión “irresponsábel demorar a posta en marcha dos orzamentos que deben ser un instrumento para a recuperación”.

Como prioridade, o concelleiro nacionalista fixou as políticas de emprego e reactivación económica diante do elevado paro na cidade, con máis de 24 mil persoas sen traballo. Por ese motivo, desde o BNG solicitaron incrementar até os tres millóns de euros o Plan de Emprego Municipal, con especial atención nos programas de inserción laboral para a mocidade, as políticas de emprego para as mulleres e para o colectivo de persoas con diversidade funcional.

“A principal preocupación das viguesas e dos vigueses é precisamente esta: a de conseguir un emprego digno e estábel na cidade. Porque de luces LED non se come”, criticou Igrexas, que sinalou ademais as escasas partidas para afrontar a grave situación de empobrecemento en Vigo, con máis de 60 mil persoas en risco de exclusión e pobreza.

“Apostamos por dedicar máis recursos a políticas que aposten na inclusión, na protección e na xustiza social. Tendo en conta a insuficiencia de outros recursos como a RISGA e o grande fiasco que supuxo na práctica o Ingreso Mínimo Vital”, asegurou o portavoz do BNG. A fronte nacionalista pide engadir case 1,5 millóns de euros -“menos do que se vai gastar este ano no Nadal de Caballero”- para aumentar as axudas de emerxencia, para vivenda e alimentos, e tamén para becas de libros e comedor.

Máis escolas infantís e bibliotecas

Outras das prioridades marcadas polas nacionalistas van encamiñadas a reforzar os servizos públicos, polo que propuxeron crear tres novas escolas infantís de titularidade municipal nos barrios de Balaídos, Calvario e Teis, así como a posta en marcha de catro novas bibliotecas en Valadares, Coia, Navia e Lavadores, que se sumarían á xa comprometida en Teis. “Non compartimos a visión miope de reducir o investimento só a cemento ou actuacións superficiais”, salientou Igrexas.

Unha política radicalmente feminista

Desde o BNG reclamaron coas súas emendas un maior enfoque feminista para que as políticas municipais “pasen das palabras aos feitos”. Entre as propostas, destacan a elaboración dun Plan Municipal de Apoio aos Coidados, un centro de información ás mulleres en Coia, un novo programa de apoio as mulleres vítimas de violencia machista e un aumento até os 150 mil das partidas para campañas de concienciación fronte aos só tres mil – menos do que gasta o Concello en atención protocolaria- que figuran no proxecto de orzamentos para o próximo exercicio.

Aforro de auga e un Vigozoo do século XXI

En materia de ecoloxismo, a fronte nacionalista pediu un esforzo para facer de Vigo unha cidade máis sustentábel. “O futuro da nosa cidade será verde ou non será”, declarou Igrexas, que presentou melloras como un Plan municipal de optimización de aforro de auga diante da perda do 30% por fugas na rede de subministro. Tamén pediu un maior esforzo para protexer e valorizar o río Lagares e un programa de prevención dos incendios con apoio aos montes comunais fronte a política de enfrontamento permanente entre Xunta e Concello. Aliás, demandou que dunha vez se aplique unha estratexia para adaptar Vigozoo ao século XXI e pasar do modelo “caduco de musealización de seres vivos” a un que traballe pola recuperación da fauna e a flora.

O BNG propón 83 melloras aos orzamentos de Vigo para 2022 elaborados sen diálogo polo Goberno municipal