O BNG de Vigo propón un plan de choque para enfrontar a crecente pobreza enerxética
A fronte nacionalista considera insuficientes as medidas adoptadas polo Concello para protexer os miles de fogares afectados polo incremento “inaceptábel” da tarifa eléctrica.
Xabier P. Igrexas: “A única medida concreta que ten despregado o Goberno municipal é un convenio con Naturgy de apenas 50mil euros para a mellora da eficiencia enerxética do que só se poden beneficiar un máximo de 25 fogares”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de propoñer un plan de choque municipal para enfrontar a crecente pobreza enerxética en Vigo. A fronte nacionalista presentou a proposta na Comisión Informativa de Benestar Social celebrada este mércores como resposta ás insuficientes medidas do Concello para atallar este problema que afecta a un mínimo de 19mil fogares da cidade, segundo datos oficiais de 2018, e que se viu agravado nos últimos meses polos incremento “inaceptábel” da tarifa eléctrica.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, detallou algunas das medidas que inclúe este plan de choque, entre outras, un programa de axudas extraordinarias para fogares de baixos recursos e con dificultades para asumir o pago do recibo da luz, medidas preventivas para garantir o acceso universal a este subministro esencial e unha rede de apoio e asistencia ante os reiterados abusos das empresas enerxéticas.
Igrexas cuestionou a actuación do goberno de Abel Caballero diante da suba sostida dos prezos da electricidade, que só no último ano incrementou por volta dun 861%. “A única medida concreta que ten despregado o Goberno municipal é a subscrición en 2021 dun convenio coa operadora Naturgy para destinar apenas 50mil euros a un programa de axudas que podería beneficiar un máximo de 25 fogares, ben para acometer obras para unha mellor eficiencia enerxética ou para substitución de electrodomésticos”, subliñou o edil nacionalista.
O concelleiro do BNG na cidade valorou necesaria unha resposta a nivel municipal, para alén das numerosas medidas defendidas polo Bloque tanto no Parlamento galego como no Congreso para frear o incremento inaceptábel das tarifas eléctricas, propostas que esixían unha resposta tanto do Goberno galego do PP como do español de PSOE-Unidas Podemos.