O BNG de Vigo demandará no Pleno máis recursos da Xunta e do Concello no combate das violencias machistas
A fronte nacionalista defenderá unha moción para esixir aos gobernos galego e municipal que incrementen as partidas orzamentarias destinadas a políticas de igualdade
Propón a elaboración dun Plan municipal de Igualdade e dun Observatorio municipal de Igualdade para que o Concello de Vigo volva ser “vangarda” nesta materia
Xabier P. Igrexas: “Unha das consignas máis coreadas na masiva mobilización do 25 de novembro que volveu ateigar a nosa cidade foi a de menos discursos e máis recursos”
O Bloque Nacionalista Galego demandará no Pleno municipal máis recursos da Xunta de Galiza e do Concello de Vigo no combate das violencias machistas. A fronte nacionalista defenderá unha moción na sesión plenaria prevista para este mércores coa que esixe aos gobernos galego e municipal que incrementen as partidas orzamentarias destinadas a políticas de igualdade.
“Unha das consignas máis coreadas na masiva mobilización que o pasado 25 de novembro volveu ateigar as rúas da nosa cidade, nun clamor incontestábel en contra das violencias machistas, foi a de: menos discursos e máis recursos”, salientou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que as nacionalistas recollen na súa moción ese “obxectivo compartido” de converter a igualdade nunha “prioridade política”.
Desde o Bloque manifestaron a súa “alarma” pola alza de preto dun 20% no número de denuncias de situacións de violencia machista na cidade a respecto do ano anterior. Un contexto que, a xuízo do edil nacionalista, evidencia a necesidade e urxencia dun xiro institucional para pasar “das declaracións aos feitos e ás medidas”.
1% do orzamento da Xunta
Nese sentido, Igrexas chamou a unha “emenda e rectificación” das políticas da Xunta de Galiza. Así, o BNG demanda na súa moción un aumento dos recursos para igualdade até equiparalos, como mínimo, ao 1% do orzamento total do Goberno galego. Ademais, o concelleiro do Bloque valorou como “imprescindíbel” que se reforcen os Centros de Información ás Mulleres (CIM) como “primeira liña de abrigo institucional e trincheira no combate das violencias machistas”.
A nivel municipal, o candidato do BNG pediu que o Concello de Vigo volva colocarse “na vangarda da loita pola igualdade” fronte á “evidente deserción da Xunta do PP”. Desta forma, a moción nacionalista reclama que o goberno de Abel Caballero incremente de “maneira substancial” os recursos de todos os servizos e programas en materia de igualdade.
Campañas contra o negacionismo
Entre eles, Igrexas pediu maior implicación do Concello á hora de confrontar o crecente discurso do odio e negacionismo da violencia machista que está a empurrar a ultradereita reaccionaria e españolista”. Propuxo a posta en campañas de sensibilización e concienciación con accións específicas, pensadas para a mocidade, en especial para abordar as novas formas de violencia de control, dixital e sexual.
Plan municipal de Igualdade
O concelleiro do BNG defendeu tamén que “é momento de actualizar” o Plan municipal de Igualdade. “Non para que fique no papel senón precisamente para que se converta nunha folla de ruta que faga das políticas feministas un eixo estratéxico e transversal de toda a acción municipal”, explicou, de vez que chamou a contar coa participación directa das organizacións feministas e das asociacións de mulleres da cidade para a súa elaboración.
Observatorio municipal de Igualdade
Co obxectivo de coñecer as razóns, as orixes e as causas das diferentes formas de violencia machista, a fronte nacionalista propuxo ademais a creación dun Observatorio municipal de Igualdade. “Para termos un coñecemento en detalle que nos permita afinar e acertar nas políticas e avanzar para converter Vigo nunha cidade de iguais”, remachou Igrexas.