O BNG de Vigo propón unha Valedoría de Igualdade e pide máis esforzos de Xunta e Concello na axenda feminista

Ana Martínez, concelleira BNG Vigo
Ana Martínez, concelleira BNG Vigo

A fronte nacionalista defenderá unha moción no Pleno municipal coa que busca trasladar reivindicacións do movemento feminista con motivo do vindeiro 8 de marzo

Ana Martínez: “Fronte a simples declaracións de intencións e unha lexislación galega insuficiente, o Bloque continuaremos actuando en todas as institucións con propostas para avanzarmos nos dereitos das mulleres”

O BNG de Vigo propón unha Valedoría de Igualdade e pide máis esforzos de Xunta e Concello na axenda feminista

O Bloque Nacionalista Galego propón a creación dunha Valedoría de Igualdade e pide que a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo despreguen máis esforzos para avanzar na axenda feminista. A fronte nacionalista defenderá así unha moción no Pleno municipal coa que busca trasladar reivindicacións do movemento feminista con motivo do vindeiro 8 de marzo.
 

“Na última década, a forza do feminismo fixo que se produciran cambios lexislativos e un proceso de toma de conciencia colectiva que nos fixo avanzar posicións”, destacou na presentación da moción a concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, asegurando que defender nas institucións os dereitos das mulleres é hoxe “máis imprescindíbel do que nunca ante o rearme do machismo e o avance de posicións retrógradas”.

Martínez lamentou que, malia os avances formais, a realidade é que as mulleres continúan percibindo salarios e pensións máis baixas, e soportan en grande medida o desmantelamento dos servizos públicos, entre outras fendas. “Moitos dos dereitos que conseguimos e que se recollen no marco lexislativo, non se cumpren na realidade laboral, no día a día das mulleres traballadoras”, recoñeceu a edil nacionalista.

Por estes motivos, dende o BNG defenderán no vindeiro Pleno do Concello de Vigo a demanda dirixida á Xunta de Galiza para que poña en marcha unha Valedoría de Igualdade. Un órgano, explicou Martínez, similar a outras valedorías  como a da cidadanía, pero que vele especificamente polo cumprimento dos dereitos das mulleres diante de discriminacións no sector privado.

“Unha Valedoría da Igualdade que actúe como autoridade independente, que asesore e asista, que promova vías de negociación e recomendación, e que teña capacidade para propoñer sancións nos casos de inmobilismo por parte das empresas”, afirmou a concelleira do BNG. “O futuro é esixente e nós tamén debemos selo, reafirmando o apoio ás mobilizacións do feminismo galego e propoñendo avances para facer unha Galiza máis feminista”, subliñou.

Cumprir cos acordos no Concello de Vigo

A moción nacionalista tamén reclama máis esforzos por parte do Concello de Vigo en materia feminista. Entre eles, a demanda de que o Goberno municipal execute os acordos recollidos na moción do BNG do pasado mes de novembro que contou co apoio do Pleno para aumentar de forma significativa os recursos para a loita contra a violencia machista.

Entre as medidas, Martínez urxiu a posta en marcha dun Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades e un novo programa municipal de apoio a mulleres vítimas de violencia machista. Aliás, as nacionalistas chaman a reforzar o Centro de Información ás Mulleres e crear dous novos centros para aumentar a súa capacidade de acción; así como asignar dotación orzamentaria para o plan para abolición da prostitución “do que non volvemos ter noticias despois de que pasasen meses desde o seu anuncio”.

“Para o BNG o feminismo non pode ficar en proclamas nin en campañas publicitarias, ten que estar presente de xeito transversal en toda acción política”, remachou. “Fronte a simples declaracións de intencións e unha lexislación galega insuficiente, continuaremos actuando en todas as institucións con propostas para avanzarmos nos dereitos das mulleres”, comprometeu a concelleira do Bloque.

O BNG de Vigo propón unha Valedoría de Igualdade e pide máis esforzos de Xunta e Concello na axenda feminista