PLENO MUNICIPAL ABRIL

O BNG de Vigo defenderá no Pleno a protección dos ríos Eifonso e Barxa como espazos naturais de interese local

O concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa

A fronte nacionalista recolle a proposta de diferentes colectivos veciñais e ecoloxistas co obxectivo de reforzar a conservación destes importantes ecosistemas.

Xabier P. Igrexas: “Fronte a un goberno de Abel Caballero de cor gris cemento, o BNG defendemos esta moción como un paso chave para avanzar cara un Vigo máis verde”.

Desde o Bloque lamentan que os grupos municipais de PSOE e PP renuncien a que Vigo acolla as sedes permanentes do IEO “por non molestar aos seus xefes en Madrid, Cantabria e Murcia”.

O BNG de Vigo defenderá no Pleno a protección dos ríos Eifonso e Barxa como espazos naturais de interese local

O Bloque Nacionalista Galego pide a protección dos Ríos Eifonso e Barxa como espazos naturais de interese local (ENIL). A fronte nacionalista trasladará esta proposta na súa moción ao vindeiro Pleno municipal, previsto para este mércores, recollendo así as demandas de diferentes colectivos da cidade como Avibe, Adega, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e Amigos da Terra para reforzar a conservación destes ecosistemas.

“O ENIL é unha fórmula legal que pretende valorizar ámbitos de especial relevancia ambiental e alargar de maneira efectiva a súa protección”, explicou en rolda de prensa o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que destacou o enorme valor dos ríos Eifonso e Barxa, tanto pola súa biodiversidade natural como polos elementos de carácter patrimonial e etnográfico.

Río Eifonso

“Estes cursos fluviais que percorren as parroquias de Bembrive, Beade e Sárdoma constitúen un espazo valioso en termos de flora e fauna”, valorou Igrexas, que recordou que o Eifonso e o Barxa son a principal fonte de augas limpas para o río Lagares e os que mellor grao de conservación presentan no termo municipal.

O edil nacionalista contrapuxo esta proposta co desleixo do Goberno local na defensa e protección dos espazos naturais da cidade. “Fronte a un goberno de Abel Caballero de cor gris cemento, o BNG defendemos esta moción como un paso chave para avanzar cara un Vigo máis verde”.

O concelleiro do BNG enumerou algúns dos “atentados ambientais” consentidos polo Concello, como os proxectos de viais que pretenden tronzar o rural vigués, a nova urbanización de chalés en Cabo Estai, a renuncia á recuperación integral do areal de Samil ou a falla de actuacións contra o novo recheo portuario no Berbés.

Renuncia de PSOE e PP á sede do IEO en Vigo

A exclusión do Centro Oceanográfico de Vigo no proceso de descentralización do IEO será outro dos asuntos de debate na sesión plenaria deste mércores, froito de sendas mocións de PSOE e PP. Desde a fronte nacionalista lamentan que ambas forzas políticas renuncien a esixir unha rectificación do Goberno español, logo de ter rexeitado a proposta de declaración institucional do BNG para trasladar unha “resposta firme e contundente en termos de cidade”.

Igrexas cualificou de “esperpento” que PSOE e PP presenten dúas mocións sobre o mesmo asunto e ningunha delas reclame para Vigo a sede permanente de investigación en pesquerías e acuicultura.

 “Por non molestar aos seus xefes en Madrid, en Cantabria ou en Murcia, renuncian a defender os intereses da cidade e limítanse a pedir unha presunta sede de coordinación, inexistente até o momento, ou ser tan só unha sede administrativa”, criticou o concelleiro nacionalista.

Desde o BNG reiteraron o seu compromiso para “seguir dando a batalla” —tanto a nivel municipal como no Parlamento galego e no Congreso — para que o Oceanográfico de Vigo sexa a sede de referencia do IEO. “Non hai un centro que reúna condicións máis idóneas en todo o Estado nin cunha traxectoria innovadora máis avalada”, defendeu Igrexas, que anunciou que “nin PP nin PSOE van contar coa complicidade do BNG á hora de maquillar, xustificar ou desculpar esta decisión gravísima do Goberno español”.

O BNG de Vigo defenderá no Pleno a protección dos ríos Eifonso e Barxa como espazos naturais de interese local