O BNG alerta de novas demoras nos centros de saúde de Vigo con esperas de até dúas semanas en Navia
A fronte nacionalista denuncia un aumento “moi preocupante” dos tempos de espera na Atención Primaria, provocando sobrecarga asistencial no PAC e no Hospital Álvaro Cunqueiro e numerosas queixas veciñais.
Xabier P. Igrexas: “O BNG temos que esixir máis unha vez á Xunta do PP que rectifique esta política sanitaria de recortes e privatización, que deixen de xogar coa saúde de todas as viguesas e os vigueses”.
O Bloque Nacionalista Galego alerta dun novo aumento “moi preocupante” dos tempos de espera na Atención Primaria de Vigo. A fronte nacionalista realiza esta denuncia tras recibir numerosas queixas veciñais por demoras para ter unha cita que, nalgúns centros de saúde como Navia, chegan até as dúas semanas para ser atendidos por un médico ou médica de Familia.
“Esta situación é consecuencia directa das políticas de recorte aplicadas nos últimos anos pola Xunta do Partido Popular, en contra da sanidade pública no seu conxunto, pero que se ten cebado especialmente en contra da Atención Primaria”, recriminou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Desde o BNG advertiron que este aumento das esperas afecta a todos os centros de saúde de Vigo, mais teñen especial incidencia nos ambulatorios de Coia, A Dobrada, Casco Vello e Coruxo. “Falamos de ter que esperar como mínimo unha semana, dez días e mesmo máis de dúas semanas no caso de Navia para conseguir unha cita”, criticou o edil nacionalista.
Unhas demoras que, segundo denuncian desde o Bloque, están a provocar unha sobrecarga asistencial no Punto de Atención Continuada (PAC) e nas urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro. “A saúde non pode esperar, a enfermidade non se presenta cando lle convén administrativamente á Xunta do PP”, afeou Igrexas, que cualificou de “inaceptábeis” estas longas esperas.
Rectificación da Xunta do PP
O concelleiro nacionalista reiterou a urxencia dunha rectificación da política sanitaria de recortes e privatización do Goberno galego do PP que, asegurou, teñen convertido Vigo na “zona cero da desfeita sanitaria”. Neste sentido, o edil do Bloque pediu á delegada da Xunta na cidade, Marta Fernández-Tapias, que “deixe de repartir pegatinas do Xaboceo e abandone a xira propagandística permanente” para atender as verdadeiras necesidades da veciñanza viguesa, a principiar por “garantir o seu dereito á atención sanitaria”.