O BNG acusa a PSOE e PP de renunciar ás sedes permanentes para o Centro Oceanográfico de Vigo
A fronte nacionalista lamenta que ambas forzas políticas presentaran dúas mocións ao Pleno onde desisten de reclamar as sedes de investigación en pesquerías e acuicultura.
Critica o rexeitamento da declaración institucional proposta polo BNG para esixir unha rectificación do Goberno español, que si contou co apoio unánime do Parlamento galego.
Xabier P. Igrexas: “Volvemos comprobar como PSOE e PP non teñen reparos en sacrificar os intereses da cidade por puro e duro partidismo, facendo prevalecer a obediencia ao seus xefes fóra sobre que é xusto para Vigo".
O Bloque Nacionalista Galego acusa aos grupos municipais de PSOE e PP de renunciar ás sedes permanentes de pesquerías e acuicultura para o Centro Oceanográfico de Vigo. A fronte nacionalista lamenta que ambas forzas políticas decidiran presentar dúas mocións ao Pleno municipal, celebrado este mércores, rexeitando a declaración institucional proposta polo BNG que si contou co apoio unánime do Parlamento galego.
"No Pleno volvemos comprobar como PSOE e PP non teñen reparos en sacrificar os intereses da cidade por puro e duro partidismo”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “Fan prevalecer a obediencia ao seus xefes en Madrid, Cantabria e Murcia (sedes anunciadas polo Goberno español no proceso de descentralización do IEO) sobre o que é xusto para Vigo", recriminou.
Igrexas cualificou de “esperpento” que ambas mocións desistan de reclamar ao Goberno español de PSOE-Unidas Podemos as sedes de investigación para o Centro Oceanográfico de Vigo. En cambio, pediron unha sede de coordinación inexistente, no caso socialista, e unha mera sede administrativa, no caso popular.
“Nin PP nin PSOE van contar coa complicidade do BNG á hora de maquillar, xustificar ou desculpar esta gravísima decisión”, advertiu o edil nacionalista.
O concelleiro do Bloque formulou durante a sesión plenaria unha emenda á moción do PSOE para substituíla pola declaración institucional proposta polas nacionalistas, a mesma que este mércores foi aprobada por unanimidade na Cámara galega. Porén, o grupo municipal socialista rexeitou sen máis argumentos a emenda, igual que fixera previamente na Xunta de Portavoces do Concello cando o BNG trasladou o texto para a súa aprobación no Pleno.