O BNG de Vigo critica que os fondos de recuperación acaben en inauguracións en lugar de enfrentar os efectos da pandemia
A fronte nacionalista recorda que a maioría dos proxectos presentados xa foran anunciados con anterioridade polo goberno municipal e algúns mesmo contaban con partidas orzamentarias este ano.
Xabier P. Igrexas: “Hai que duplicar os esforzos en cuestións esenciais como as políticas de promoción económica do emprego, as axudas directas ao tecido comercial e en blindar o alcance das políticas sociais”
VIGO, 15 de outubro 2021.- O Bloque Nacionalista Galego criticou este venres a proposta do goberno municipal de Vigo de “enterrar” os fondos de recuperación pola Covid-19 no que considera “gasto inaugurábel” en lugar de enfrentar as graves consecuencias sociais, laborais e produtivas da pandemia na cidade.
“Non podemos compartir que estes fondos extraordinarios se vaian a utilizar para unha finalidade que non sexa robustecer a capacidade de resposta fronte a crise”, explicou o concelleiro da fronte nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas. “A prioridade non é seguir insistindo no modelo de cidade ornamental, de cidade aparencial, nesa obsesión por reducir Vigo a unha especie de grande maqueta de casa de bonecas que ten Abel Caballero”.
Igrexas advertiu ademais de que dos 14 proxectos cos que se queren optar a 22 millóns de euros dos denominados fondos Next Generation, boa parte dos mesmos son actuacións que xa estaban anunciadas, en proceso para iniciar a súa execución e mesmo contaban nalgúns casos con partidas orzamentarias aprobadas este ano.
Dende a fronte nacionalista propoñen centrar os investimentos e os esforzos en cuestións esenciais para a cidade como son “as políticas de promoción económica do emprego, en despregar dunha vez por todas axudas directas ao tecido comercial e a pequena e mediana e para blindar e alargar o alcance das políticas sociais, sobre todo para enfrontar os efectos da redución paulatina do chamado escudo social despregado polo goberno español, nomeadamente no ámbito da vivenda”. Neste sentido, recordan que Vigo é a única das sete grandes cidades galegas que non destinou un “só euro en axudas directas”.
“Cremos tamén que estes fondos de recuperación teñen que servir para, en todo caso, despregar proxectos estruturais, que permitan poñer en marcha un outro modelo de cidade apostando por unha mobilidade sustentábel, moderna, potenciando de maneira efectiva o transporte público, e actuando para revertar e solventar importantes déficits que teñen a práctica totalidade dos barrios e parroquias”, propuxo Igrexas.
O concelleiro do BNG en Vigo insistiu en que esta forma de actuar do goberno municipal non é nova. “Vólvese querer incorrer no mesmo erro que coas modificacións orzamentarias aprobadas nos últimos meses. Das que ademais nada sabemos, porque houbo importantes modificacións que chegaron a mobilizar preto de 33 millóns de euros, das que nesta altura nada se sabe sobre o seu grao de execución. O BNG, durante practicamente o último ano, demandamos reiteradamente información mais tamén participación”.