O BNG garante a reforma integral das “abandonadas” pistas de atletismo de Balaídos cun Goberno de Ana Pontón
A fronte nacionalista critica que o PP botara por terra o convenio de reforma impulsado polo Bloque en 2009 para alimentar a confrontación partidista co Goberno de Caballero
Alexandra Fernández: “Este compromiso inscríbese na aposta do BNG por revolucionar o deporte na Galiza, intensificando o apoio aos clubs deportivos, impulsando unha Lei de Igualdade no Deporte e potenciando as seleccións galegas”
Xabier P. Igrexas: “Ao desleixo da Xunta do PP engádese a nefasta política deportiva do Goberno municipal que, durante os últimos anos, agravou o estado lamentábel das pistas”
O Bloque Nacionalista Galego garante a reforma integral das “abandonadas” pistas de atletismo de Balaídos cun Goberno presidido por Ana Pontón. Así o avanzou esta martes a candidata e deputada do BNG, Alexandra Fernández, xunto co portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, quen denunciaron o estado “lamentábel” das instalacións pola falla de vontade da Xunta na súa mellora coa “coartada da confrontación partidista” co Goberno de Abel Caballero.
“Un dos primeiros proxectos que paralizou o PP de Feixoo e Rueda nada máis chegaren ao Goberno galego en 2009 foi a reforma destas pistas de atletismo de Balaídos”, cuestionou Fernández, criticando que os populares botaran por terra o convenio asinado por iniciativa do BNG entre o Concello de Vigo e a Xunta para a remodelación do complexo deportivo.
Fernández lamentou que este intercambio de reproches permanente entre administracións teña “as pistas a caer a cachos” castigando ao atletismo vigués, malia a súa enorme potencia deportiva. “Diante desta situación incomprensíbel, o BNG temos un compromiso tan sinxelo como inequívoco: unha Xunta de Galiza presidida por Ana Pontón a partir do vindeiro 18 de febreiro vai cumprir con Vigo liderando e financiando a reforma destas pistas de atletismo”.
Promesas incumpridas de Abel Caballero
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Vigo culpou ao Goberno de Abel Caballero de “agravar o abandono” destas instalacións, que padecen inundacións pola choiva, non contan cun ximnasio en condicións e con vestiarios en condicións insalubres, entre outras eivas. “Malia os reiterados e falsos anuncios, a realidade é que hoxe non está nin elaborado o proxecto básico desta reforma que o alcalde de Vigo prometeu reiteradamente”, criticou.
Sobre a Xunta de Galiza, lamentou que o PP se limitara nos últimos anos a executar medidas “cosméticas” como a apertura dun módulo cuberto para a práctica do atletismo no Ifevi que, advertiron, non poden utilizar a maioría das e dos deportistas.
Revolucionar o deporte en Galiza
Dende a fronte nacionalista enmarcaron esta proposta na súa aposta por “revolucionar o deporte” en Galiza, deixando atrás as políticas de “desleixo” do PP durante os últimos 15 anos. Nese sentido, a candidata do BNG trasladou o compromiso de intensificar o apoio aos clubs deportivos, impulsar unha Lei de Igualdade no Deporte para que as mulleres deixen de ser tratadas a nivel institucional como deportistas de segunda, así como potenciar as seleccións galegas en todas as disciplinas pulando pola súa participación en competicións internacionais.