O BNG reivindica en Vigo un novo modelo de residencias públicas para que “a vellez deixe de ser un negocio”
A fronte nacionalista propón tamén aumentar os recursos do Servizo de Axuda no Fogar na súa aposta por poñer a atención da dependencia no centro das políticas da Xunta
Alexandra Fernández: “O compromiso do BNG é reforzar a rede pública de coidados dos nosos maiores cun Goberno galego presidido por Ana Pontón a partir do 18 de febreiro”
Xabier P. Igrexas: “Cómpre despregar unha enérxica política pública para atender como merecen as máis 70 mil viguesas e vigueses maiores de 65 anos e as persoas dependentes"
O Bloque Nacionalista Galego reivindica un novo modelo de residencias públicas para que “a vellez deixe de ser un negocio”. Así o defendeu este mércores en Vigo a candidata e deputada do BNG, Alexandra Fernández, tras manter xunto co portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, un encontro co colectivo de pensionistas da CIG, con traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e con representantes da Federación de Familiares de Usuarias de Residencias e Dependencia (REDE).
“O modelo do BNG pasa por un maior investimento no coidado dos nosos maiores e das persoas dependentes, mellorando a súa calidade de vidae coidandotamén das persoas que coidan”, destacou Fernández, quen contrapuxo o modelo nacionalista co aplicado polos sucesivos Gobernos galegos do PP que é o” de favorecer a entrada de fondos de investimento e do gran capital a facer caixa coa vellez”.
A candidata do Bloque subliñou nese sentido que Galiza está á cola no investimento en atención das persoas dependentes, con menos 615 euros por persoa fronte aos 2.300 que dedica por exemplo Euskadi. Na mesma liña, lembrou que nos últimos 15 anos o PP non construíu ningunha nova residencia pública a pesar de ter a menor porcentaxe de prazas do Estado.
Máis prazas públicas e recursos no SAF
Fronte a estes datos, Fernández apostou por un xiro de 180 graos no actual modelo de residencias, aumentando o número de prazas públicas e recuperando para a rede pública todas as concesións privadas ao remate dos contratos. Un novo modelo que, a xuízo do BNG, pasa por desenvolver centros de menor tamaño e con máis persoal, con módulos de máximo 25 persoas, creando espazos “máis familiares e non institucións deshumanizadas”.
No caso do SAF, dende a fronte nacionalista consideran urxente e imprescindíbel reforzar a rede de coidados do SAF, cun incremento de 86 millóns de euros para que os concellos financien este servizo, pasando dos 12 euros por hora actuais até os 20 euros por hora, con máis persoal e horas dispoñíbeis de atención. “Para mellorara calidade e tamén para combater a precariedade laboral das traballadoras deste servizo esencial”, detallou.
A candidata do BNG chamou tamén a unha maior transparencia na xestión das residencias fronte a “casos escandalosos” ocorridos en diferentes centros de toda Galiza que o PP tentou “ocultar” dende a Xunta en lugar de velar pola atención digna das persoas maiores. Comprometeuse así a crear un corpo específico de inspección en residencias e un Comité Galego de Ética similar aoque existe no servizo de saúde.
Atender a crecente soidade en Vigo
A nivel municipal, o portavoz do BNG na cidade considerou necesario despregar unha enérxica política pública de coidados para atender “comomerecen” as máis 70 mil viguesas e vigueses maiores de 65 anos, moitas delas en situación de soidade nunha cidade coa esperanza de vida por acima dos 83 anos,así como as persoas dependentes. “Esta cuestión será un dos grandes eixos do cambio galego que se pode abrir, se Vigo empurra, a partir do vindeiro 18 de febreiro cun Goberno galego liderado por Ana Pontón”, afirmou.
Igrexas reclamou ademais un aumento das prazas públicas en residencias de maiores e centros de día na cidade porque “son moitas as familias que non se poden permitir pagar cada preto de 2.500 euros por unha praza privada nas residencias das empresas amigas do PP”. Neste sentido, criticou que “o Partido Popular leva 15 anos tomándolle o pelo aos nosos maiores prometendo unha residencia en Vigo que, a pesar das promesas e os anuncios, nunca se construíu”.
O portavoz municipal nacionalista afeou as reiteradas negativas do Goberno de Rueda ás emendas nacionalistas nos orzamentos galegos dos últimos anos para reforzar a oferta pública de prazas en residencias na cidade, máis centros de día,ou a posta en marchadun recurso intermedio como os pisos asistidos.
No caso do Concello de Vigo, afeou que o servizo do SAF conte na actualidade con horas dispoñíbeis mentres ten a persoas en lista de espera para recibir este servizo. “Un síntoma máis da falla de xestión do actual Goberno municipal de Abel Caballero”, remachou.