Manuela Rodríguez asume como deputada provincial do BNG co compromiso de impedir unha nova xestión “caciquil” do PP
A fronte nacionalista ratifica a designación da súa concelleira e portavoz en Gondomar como representante na Deputación de Pontevedra polo partido xudicial de Vigo
Manuela Rodríguez: “Asumo o compromiso de avanzar na folla de ruta do BNG para o baleirado competencial das Deputacións”
O Bloque Nacionalista Galego vén de ratificar este venres a designación de Manuela Rodríguez, concelleira e portavoz nacionalista en Gondomar, como deputada provincial polo partido xudicial de Vigo. Rodríguez asegurou que asume este compromiso con dous obxectivos: avanzar na folla de ruta do BNG para o baleirado competencial das Deputacións e, por outro, fiscalizar a xestión do novo Goberno provincial.
“Non permitiremos que o PP volva ao reparto discrecional, partidista, inxusto e caciquil dos fondos da Deputación de Pontevedra”, defendeu Rodríguez, acompañada dos concelleiros do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas e Ana Martínez; de Redondela, Xoán Carlos González; de Nigrán, Xavier Rodríguez; e de Baiona, Iago Pereira, que avalaron diante da Xunta Electoral de zona a designación.
Nese camiño, Rodríguez manifestou que velarán porque a maioría dos fondos da Deputación de Pontevedra se dirixan directamente aos concellos para que estes decidan os seus usos, impedindo que a nova presidencia do PP repita ás “prácticas caciquís e escuras” que marcaron anteriores etapas na institución provincial.A deputada provincial afirmou tamén que continuará coa aposta iniciada polo Bloque en 2015 de avanzar cara a desaparición dos entes provinciais, transferindo as súas competencias e recursos para un “novo deseño” territorial de Galiza baseado nos municipios e nas comarcas