O BNG chama a axustar os eventos públicos do nadal en Vigo ante a elevada taxa de contaxios
A fronte nacionalista solicita convocar con urxencia o Comité de Seguimento Municipal da Covid-19 e demanda reforzos na rede sanitaria pública por parte da Xunta.
Xabier P. Igrexas: “É momento de responsabilidade, fronte a necesidade de masas que parece empurrar ao alcalde, nós apostamos por protexer a saúde”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar este mércores que o Concello de Vigo axuste a programación do nadal ante a preocupante evolución da pandemia da Covid-19 na cidade. A fronte nacionalista urxe actuar atendendo as distintas recomendacións sanitarias, tanto de expertas como da propia Organización Mundial da Saúde, que piden evitar grandes aglomeracións e eventos multitudinarios.
“A evolución sanitaria vai no sentido contrario de promover un nadal masivo”, salientou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que advertiu de que é “o momento da responsabilidade, fronte a necesidade de masas que parece empurrar ao alcalde, nós apostamos por protexer a saúde”. Por ese motivo, propoñen a suspensión de eventos públicos ou, cando menos, unha redución nos aforos, así como un aumento do control do cumprimento das normas sanitarias.
Nese sentido, Igrexas anunciou que o BNG vai solicitar ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a convocatoria urxente e extraordinaria do Comité de Seguimento Municipal da Covid-19, co fin de despregar novas medidas preventivas ante o elevado número de contaxios na cidade, con 1.401 positivos na última semana e cunha incidencia superior a 500 nos últimos 14 días. “Estes datos fan que Vigo e a súa área sanitaria representen hoxe un de cada tres casos activos no conxunto de Galiza”, expresou con preocupación o portavoz nacionalista.
De igual forma, o BNG reclamou á Xunta de Galiza que deixe de contemporizar co actual contexto da pandemia e reforce de maneira substancial e inmediata os medios da rede sanitaria pública, nomeadamente na atención primaria, para “estarmos nas mellores condicións de enfrontar esta sexta vaga desbocada”.
O concelleiro nacionalista fixo un chamamento “desde a serenidade” ao conxunto da poboación para enfrontar con responsabilidade esta nova vaga de contaxios “para evitar que se descontrole inda máis e acelerar a súa superación, utilizando a máscara, a desinfección de mans e gardando a distancia de seguridade, e tamén reducindo, no posíbel e de maneira razoábel, os contactos sociais”. Igrexas subliñou que este chamamento busca apelar “ás posibilidades que de maneira individual e colectiva temos para protexer a saúde e a vida de todos e de todas, fuxindo de discursos que teiman en culpabilizar a poboación”.