O BNG logra que o Parlamento galego aposte por Vigo como sede FAO

carmela
Carmela González, deputada do BNG no Parlamento galego

A Comisión de Pesca aprobou por unanimidade unha proposición non de lei demandando a implicación de todas as administracións para lograr que a cidade sexa sede da Rede Global de Portos Azuis da FAO

Carmela González: “Se todas e todos apostamos pola instalación desta oficina no Porto de Vigo é necesario que todas as administracións pasen das declaracións aos feitos”

O BNG logra que o Parlamento galego aposte por Vigo como sede FAO

Por iniciativa do BNG o Parlamento galego vén de acordar apoiar que a cidade de Vigo albergue a sede da Rede Global de Portos Azuis da FAO. A Comisión de Pesca e Marisqueo aprobou por unanimidade a proposición, defendida pola deputada viguesa do BNG, Carmela González. O acordo recolle expresamente a demanda ao Goberno español para que formalice a solicitude diante da FAO e demanda da Xunta de Galiza “total vocación de colaboración para lograr ese obxectivo” e solicita que todas as administracións públicas cooperen. 

González defendeu que “Vigo como referente portuario de nivel internacional nomeadamente nas actividades pesqueiras, reúne as mellores condicións para ser a Sede da Rede Global de Portos Azuis da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO)”. Neste sentido, subliñou que o Porto de Vigo, xunto co sector da pesca, leva anos traballando pola sustentabilidade e control das descargas polo que é un referente nesta materia, como acredita o feito de que, xunto con Corea do Sur, sexa un centro de formación da FAO para inspectores e inspectoras  da pesca a nivel global. “A propia FAO recoñece que Galiza ten un sistema de control pesqueiro punteiro na UE e que o Porto de Vigo é un bo modelo o resto do mundo”, acrecentou.

No entanto, a nacionalista lamentou a falla de avances para lograr que Vigo logre ser sede FAO. “A propia oficial de Pesca da FAO, Alicia Mosteiro, afirmou que a candidatura de Vigo está totalmente parada pola falla de financiamento e iniciativa real do Goberno español, que é quen ten que liderar o proxecto”, lamentou, defendendo que o Goberno galego “ten que pular tamén para que Galiza, desde Vigo, sexa referente mundial na transformación do sector pesqueiro”. 

Desde o BNG urxen compromisos efectivos en favor dun obxectivo que formalmente parece ser unánime. “Se todas e todos apostamos pola instalación desta oficina no Porto de Vigo é necesario que todas as administracións pasen das declaracións aos feitos. Polo de agora non se teñen acreditado suficientes esforzos concretos que permitan facer realidade que Vigo se configure como un referente mundial na estratexia de crecemento azul das actividades portuarias”, advertiu.

A iniciativa aprobada hoxe no Parlamento galego enmárcase dentro da ofensiva institucional promovida polo BNG en favor de que Vigo sexa sede FAO. Na mesma, a fronte nacionalista xa intentou un pronunciamento “firme e en chave de cidade” a través dunha declaración institucional do Concello de Vigo que foi vetada polo PSOE. O BNG tamén trasladou esta cuestión a través de interpelacións ao Goberno español no Congreso dos Deputados/as e no Senado.

O BNG logra que o Parlamento galego aposte por Vigo como sede FAO