Brais Ruanova: “É o momento de apostar polo BNG fronte ás promesas incumpridas das forzas estatais con Vigo”
O candidato nacionalista ao Congreso chama as viguesas e vigueses a facer realidade un Grupo Galego forte para que Vigo conte en Madrid con máis voces para defender os intereses da cidade
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, afea o “servilismo” de Abel Caballero coas negativas do Goberno español a atender as necesidades de Vigo, como o soterramento da VG-20 que tronza Navia e Coia
O Bloque Nacionalista Galego chama as viguesas e vigueses a facer realidade un Grupo Galego forte no Congreso para que Vigo conte en Madrid con máis voces para defender os intereses da cidade. O candidato nacionalista ao Congreso, Brais Ruanova, asegurou que as eleccións deste 23 de xullo son “o momento de apostar polo BNG fronte ás promesas incumpridas das forzas estatais con Vigo”.
“Vemos como as forzas estatais veñen en campaña a Galiza e a Vigo a pasearse e prometer, mais cando volven a Madrid o único que fan é incumprir”, reprochou Ruanova, que asegurou que a veciñanza de Vigo pode ter a garantía de que “o BNG vai defender os intereses da cidade sen subordinacións”, poñendo como aval o traballo do deputado nacionalista Néstor Rego durante a última lexislatura.
O candidato vigués do Bloque salientou que nesta campaña marcada pola “polarización e o medo” e pola “mentira que de só temos dúas opcións”, o voto das viguesas e vigueses vai ser “determinante” para que as súas necesidades sexan “escoitadas por fin” en Madrid cun BNG con máis forza no Congreso.
Ruanova sinalou algunhas das cuestións pendentes na cidade que contaron coa negativa do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos (agora Sumar) durante a última lexislatura, e que a fronte nacionalista continuará a defender na vindeira: unha rede de cercanías na área de Vigo, a Saída Sur de alta velocidade antes de 2030 ou a “navallada” da AP9 en Teis. “Instaláronse no non a Vigo dicindo que non a incrementar en 167 millóns de euros o investimento do Estado na cidade, como demandamos o BNG nas nosas emendas”, afirmou.
Servilismo de Abel Caballero
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, puxo como exemplo o soterramento da VG-20 que “tronza” os barrios de Navia e Coia, unha demanda reiterada que contou coa negativa constante dos sucesivos Gobernos españois. “As veciñas e veciños teñen que padecer até 70 decibelios de contaminación acústica polo día e até 60 decibelios pola noite, un dos puntos de maior contaminación acústica da cidade causada polo tránsito de máis de mil vehículos cada hora”, denunciou.
Igrexas lamentou que a resposta do Goberno municipal de Abel Caballero diante destes incumprimentos foi a “mansedume e o servilismo cos seus xefes en Madrid”, propoñendo incluso o soterramento dun paso peonil en lugar dos vehículos. “Só un BNG determinante a partir do 23 de xullo no Congreso con Brais Ruanova como deputado por Vigo vai ser garantía de que esta cuestión, como outras moitas da cidade, deixen de estar no caixón e se atendan dunha vez por todas”, remachou.