Iolanda Veloso denuncia a inexistencia dunha política clara para potenciar os aeroportos
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, criticou que tanto o goberno galego como o goberno do Estado e Aena non están facendo nada para potenciar o aeroporto de Peinador. Non hai unha política clara para que os aeroportos sexan atendidos en función das súas capacidades e para formar un sistema aeroportuario galego baseado na complementariedade, subliñou tras ser preguntada polas declaracións emitidas polo alcalde e o Círculo de Empresarios.
Iolanda Veloso sinalou que tras a privatización de Aena a rendibilidade económica é o criterio que agora centra as súas decisións, polo que alertou que nesta situación non parece que o aeroporto de Peinador vaia ser defendido por Aena. Subliñou que a situación da terminal viguesa é grave e empezamos a pensar que o PP quere pechalo.
A portavoz nacionalista lembrou que na xuntanza que o grupo municipal do BNG mantivo cos representantes do comité de empresa de Aena en Peinador estes trasladaron a súa preocupación a baixada do aeroporto vigués é constante e desde as administracións non se fai nada para remedialo.
Propostas que non apoian
Por outro lado, Iolanda Veloso destacou que a proposta do alcalde da cidade tampouco apoia en absoluto a Peinador. Neste sentido criticou que o rexidor vigués non presentou ningunha iniciativa que incida na recuperación do aeroporto, xa que a única proposta concreta que fixo foi a do voo Vigo-Londres e com esta liña non se vai salvar Peinador, asegurou.
A portavoz municipal do BNG salientou que segundo os datos de ocupación, os voos que funcionan en Vigo son as conexións con Madrid, Barcelona en París. Curiosamente, para potenciar estas liñas en Vigo non hai ningunha proposta do alcalde, criticou.
No BNG temos claro que non son os concellos os que teñen a obriga de salvar os aeroportos, concluiu.