Carme Adán insta ao PP a traballar duro e acadar os apoios necesarios para que Vigo sexa porto nodal
A deputada do BNG, Carme Adán, instou ao Partido Popular a facer todos os esforzos necesarios para conseguir que o porto de Vigo sexa considerado nodal no plenario do Parlamento europeo previsto para o mes de setembro. A nacionalista subliñou que esta é a última oportunidade para que o plenario europeo dea o visto bó para que Vigo estea na primeira división das infraestruturas na Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) 2014-2020.
Non pode ser que Vigo quede sen investimentos e o PP non faga nada, destacou Carme Adán, despois de que o secretario xeral de Mobilidade dera hoxe por perdida a posibilidade de que Vigo pase a formar parte da rede principal europea.
Para a deputada nacionalista debe ser irrenunciable para todos que o Porto de Vigo sexa unha infraestrutura principal dentro das redes europeas, pero PP e PSOE deben sumarse aos esforzos feitos polo BNG e presentar unha defensa común no Parlamento Europeo.
Carme Adán destacou o traballo desenvolvido polo BNG en defensa do Porto en todas as institucións, que ao seu xuízo contrasta coa posición de PP e PSOE relegando a Vigo fronte a outras infraestruturas do Estado.
Investimentos
A deputada do BNG lembra que a Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) recolle a folla de ruta en materia de infraestruturas marítimas, ferroviarias, aéreas e por estrada para os vindeiros anos, que quedan divididas en dúas categorías, a global ou xeral e a principal ou nodal.
A rede principal ou nodal recolle o 85% dos fondos, -cun total de 50.000 millóns de euros-, e deben estar executadas antes 2030. As incluídas na categoría global, pola súa banda, reciben un 15% do orzamento e a súa execución pode demorarse ata 2050.