Iolanda Veloso urxe ao goberno vigués a dar uso social as 40 vivendas baleiras do Concello
A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, considera inadmisible que o Concello de Vigo conte con 40 vivendas baleiras na rúa República Arxentina e sen uso previsto. En virtude da preocupación do Bloque polos problemas de vivenda na nosa cidade, a nacionalista preguntou na xerencia de Urbanismo polo uso ao que se destinan actualmente estes inmobles, ao que Caballero respostou que se atopan en proceso de decisión.
Non é de recibo que mentres hai familias na nosa cidade que se quedan sen fogar, o alcalde non teña claro a que destinar as vivendas municipais que están baleiras, denunciou a portavoz municipal do Bloque. Iolanda Veloso explica que estas vivendas baleiras quedaron en mans do concello despois da transmisión doutros dez pisos a Adif en cumprimento do convenio expropiatorio.
A portavoz nacionalista reclama que neste proceso de decisión o goberno vigués teña en conta a realidade social á hora de decidir o uso das vivendas e que o faga o máis axiña posible.