Cómpre reforzar a repercusión positiva do Plan de Emprego nas Comunidades de Montes
O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, destacou o compromiso do grupo municipal para que o Plan de Emprego Municipal siga repercutindo positivamente na creación de postos de traballo vencellados coas Comunidades de Montes de Vigo. Así o explicou o nacionalista tras a xuntanza que os concelleiros e concelleira do Bloque mantiveron coa directica da Mancomunidade de Montes sobre as emendas aos orzamentos municipais.
Resulta moi gratificante escoitar aos representantes das Comunidades de Montes agradecer o traballo do BNG a prol da creación de emprego, afirmou Santi Domínguez, quen sinalou que grazas ao Plan de Emprego vixente 25 persoas están traballando na limpeza e mantemento dos montes da cidade.
O portavoz municipal nacionalista indicou asemade que os representantes da Mancomunidade de Montes tamén trasladaron ao BNG a necesidade de que se aumenten os postos de traballo relacionados con este eido, co obxectivo de que os resultados se poidan comprobar canto antes.
Salientou ademais que, tras o alto grado de satisfacción empresado polas Comunidades de Montes, o BNG se manterá firme na súa aposta por reforzar o Plan de Emprego.