Domínguez: Para o BNG é indispensable a participación cidadá como elemento de hixiene democrática
O grupo municipal do BNG mantivo unha xuntanza este mércores coa dirección da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao, para explicar as emendas presentadas polo Bloque aos orzamentos municipais. No encontro, o portavoz municipal nacionalista salientou a importancia da participación cidadá como elemento indispensable da hixiene democrática.
Santi Domínguez sinalou que ademais de incluir un aumento das partidas de emprego e servizos sociais, o BNG presentou nas emendas aos orzamentos a sinatura de convenios coa Favec e co Centro Cívico de Teis, de 70.000 e 55.000 euros respectivamente, tal e como xa demandou o grupo nacionalista a respecto dos orzamentos vixentes. Cremos na participación da cidadanía na toma de decisións e esta é a mellor forma de demostralo, asegurou.
O nacionalista destacou que as propostas elaboradas polo Bloque son froito do permanente diálogo co movemento asociativo. Ao seu xuízo, esta é a única forma de dar resposta ás necesidades reais dos vigueses e viguesas.