Domínguez: "É un esperpento a cancelación dun acto no Casco Vello polo rifirrafe entre PP e PSOE"
O concelleiro do Bloque e vicepresidente do Consorcio do Casco Vello, Santi Domínguez, subliñou que a cancelación da xornada do Consorcio prevista para esta mañá por parte da delegada da Xunta é un auténtico esperpento froito dun novo rifirrafe entre PP e PSOE. Para o nacionalista, a actitude de Xunta e goberno local causada pola colocación dunha lona publicitaria no Casco Vello é vergonzosa.
Segundo destacou Santi Domínguez é impresentable que a delegada decidira suspender estas xornadas, organizadas con motivo do premio concedido á rehabilitación do Casco Vello pola XII Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo, por que o goberno local non lle permita colocar unha pancarta ao non ter solicitado o permiso correspondente.
O concelleiro do BNG explicou que o premio se concederá o vindeiro 14 de novembro en Madrid. Veredes como nese acto vai estar a delegada e algún integrante do goberno local para saír na foto, comentou o nacionalista, ao tempo que avanzou que el non viaxará a Madrid para non restarlles protagonismo e a modo de protesta pola suspensión da xornada.
Rabieta política
Santi Domínguez, que tiña previsto participar como moderador nunha das ponencias, criticou asemade o modo en que a delegada da Xunta tomou a decisión de cancelar o acto. Neste sentido indicou que que foi informado da suspensión mediante unha comunicación telefónica da secretaria da delegada. Nin a propia presidenta do Consorcio tivo a ben consultar co vicepresidente se nos parecía axeitado suspender a xornada por unha rabieta política, sinalou.
O edil do Bloque tamén criticou a actitude do goberno local, xa que ao seu xuizo tiña que preocuparse polo deterioro nalgunhas zonas do Casco Vello e demandar á Xunta que cumpra coa rehabilitación do barrio. A cidadanía pode valorar en que mans está o goberno local e da Xunta, concluíu.