Veloso: O alcalde pensa que debe haber cartos para avións e non para libros. Nós, o contrario"
A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, puxo de manifesto a escaseza de recursos culturais en Vigo, diante da que criticou a xestión que está facendo o alcalde a respecto da situación da Biblioteca Central. Defendeu que o rexedor da cidade ten que solicitar á Xunta que se faga cargo desta biblioteca igual que debería ocuparse de conseguir a biblioteca estatal.
Iolanda Veloso sinalou que se ben a Biblioteca Central non ten o recoñecemento que debe e Vigo non conta con biblioteca estatal, ata agora a demanda destes servizos estaba cuberta coas de Caixanova, que agora están na Fundación Novacaixagalicia. E diante desta situación a única solución que se lle ocorre ao alcalde é deixar á Biblioteca Central sen financiamento, criticou.
Segundo destacou a portavoz nacionalista, a Xunta discrimina Vigo, pero nós pensamos que as posicións que deberían tomarse fronte a isto deberían ser diferentes. O alcalde decide que debe haber cartos para avións e non para libros. Nós pensamos que debe ser o contrario, salientou.