O BNG reclama ao goberno galego transparencia sobre as axudas públicas concedidas a Pescanova
Carme Adán acusa a Feijoo de escapismo político nun tema de tanta relevancia para a economía galega
O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Parlamento galego unha ampla batería de preguntas que segundo destacou a deputada Carme Adán deberán servir para aclarar a utilización de axudas públicas concedidas desde hai anos a Pescanova. A deputada do BNG reclamou asemade ao goberno galego que explique cal é o plan de viabilidade que contempla para a empresa, se é que o ten.
Feijoo non pode seguir practicando escapismo político nun tema tan importante non só para Vigo senón tamén para Galiza como Pescanova, subliñou Carme Adán nunha comparecencia xunto ao responsable comarcal na que demandaron o mantemento dos centros de produción en Galiza e os postos de traballo.
A deputada nacionalista defendeu que despois de que o PP votara en contra de crear unha comisión de investigación sobre o estado financeiro de Pescanova o mínimo que pode permitir é coñecer a cantidade global das axudas públicas e como se utilizaron, destacou.
Segundo explicou, Pescanova corre o risco de ser dividida para recapitalizar a grande débeda que ten a empresa, co conseguinte risco de perda dos centros de produción galegos e a diminución do emprego. Tendo en conta que a empresa foi receptora dunha grande cantidade de fondos públicos, coñecer o seu destino é o mínimo que debemos coñecer por transparencia política, insistiu na presentación da iniciativa do BNG sobre Pescanova.
Plan de viabilidade
Para a deputada do Bloque, o problema é que Feijoo non move ficha e non sabemos que se está facendo desde a Consellería e Industria. Nesta liña destacou que a cidadanía ten dereito a saber como se utilizan as axudas públicas, que no caso de Pescanova foron concedidas desde diversos departamentos da Xunta e por diferentes conceptos, especialmente para I+D+i.
Preguntada polas actuacións que ao xuízo do BNG debe executar o goberno galego, Carme Adán destacou que o mínimo é reunirse coa nova directiva, cos sindicatos e coa banca co obxectivo de elaborar un plan de viabilidade. Non se pode agardar sentado a ver que pasa, comentou. Neste sentido indicou que o goberno galego ten responsabilidade tanto na xestión da empresa como na súa viabilidade de cara ao futuro.