Iolanda Veloso: No BNG temos claro que o día 20 o problema de Peinador non vai estar resolto
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, en resposta aos medios sobre a concentración que terá lugar mañá convocada polo alcalde destacou que o Bloque ten calro que o día 20 o problema de Peinador non vai estar resolto. Pola contra, reclamou que as administracións que teñen competencias en materia aeroportuaria asuman as súas responsabilidades para ter un sistema aeroportuario galego con tres aeroportos que sexan complementarios e competitivos.
Convocar unha concentración partidista por parte do PSOE desde alcaldía, facendo o alcalde un uso partidista da institución, non vai solucionar nada no sistema aeroportuario, subliñou Iolanda Veloso, para quen á caída de pasaxeiros, que se produce desde 2007, hai que sumar a caída importante de mercancías.
A portavoz municipal nacionalista apuntou que o problema de Peinador non é o único nin o máis grave que padece a cidade. Neste sentido puxo sobre a mesa a grave situación do transporte ferroviario; así como a do porto e a súa relegación a segunda categoría en lugar de ser considerado porto nodal; a posible desaparición do partido xudicial ou o deterioro do sistema sanitario.