Veloso: "Ter o pleno sobre Peinador despois da concentración amosa que o alcalde non quere consenso"
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, salientou que a celebración do pleno extraordinario sobre Peinador despois da concentración convocada para hoxe demostra que o alcalde da cidade non ten interese en buscar unha fronte común. Segundo asegurou a nacionalista, Caballero esquece que goberna en minoría e ten a obrga de chegar a acordos.
Para Iolanda Veloso a mobilización de hoxe é unha concentración partidista na que o alcalde non propón alternativas para potenciar Peinador. A concentración é unha demostración máis do que fai o alcalde, en contra de todo e de todos, actuando como chairego solitario, pero sen buscar solucións.
Pola contra, a portavoz municipal nacionalista destacou que o Bloque si ten alternativas e propostas concretas que teñen como obxectivo o impulso do aeroporto vigués no marco dun sistema aeroportuario galego. Lembrou que o BNG propuxo hai dous meses a celebración dun pleno extraordinario sobre Peinador e a celebración do Consello Económico e Social para chegar unha fronte común, pero ambas iniciativas foron rexeitadas polo alcalde. Seguiremos trasladándo as nosas propostas en todas as institucións nas que teñamos representación, engadiu.
Problema coa concepción da democracia
Iolanda Veloso considerou que Caballero ten un problema coa concepción da democracia ao chamar 'chantaxe' ao feito de aceptar a supresión da axuda do voo a Londres nos orzamentos municipais, a proposta polo BNG. O BNG fixo unha proposta en forma de emendas aos orzamentos que foron aprobadas polo PSOE no Concello, explicou en resposta ás preguntas dos medios.
O alcalde aceptou as propostas do BNG e iso non é chantaxe, é xogo democrático, subliñou Iolanda Veloso, quen lembrou que xa o Bloque dixera no momento de aprobación das contas municipais que os tres votos do BNG non eran un cheque en branco. Ao seu xuízo o alcalde ten un problema coa concepción da democracia e esquece que ten un goberno en minoría e que ten que chegar a acordos.