O BNG considera que o verdadeiro problema para solucionar a ubicación de Sereos “é o propio alcalde”

O BNG considera que o verdadeiro problema para solucionar a ubicación de Sereos “é o propio alcalde”

Iolanda Veloso critica a falta de vontade de Caballero para dialogar coa veciñanza para prestar o servizo nun barrio da cidade

Vigo, 5 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, preguntada pola situación que atravesa Sereos, criticou que ao non chegar a unha solución definitiva para prestar este servizo “este goberno demostra que fai as cousas mal desde o principio”. Lembrou que o local de Elduayen foi pechado sen ter unha alternativa e pasou a prestarse a unha furgoneta, mentres nos últimos días o alcalde desdeciu ao concelleiro sobre a súa ubicación definitiva.

“O alcalde, como sempre, fai as cousas pola súa conta e sen falar con ninguén”, criticou a portavoz municipal do BNG, ao tempo que salientou que é necesario “establecer un diálogo coa sociedade” para prestar un servizo das características de Sereos. Recoñecendo que aínda que pode ser un servizo conflitivo e que pode provocar preocupación entre a xente, “facendo un traballo de rúa e de explicación” pódese conseguir o establecemento do servizo, tal e como aconteceu con Cedro.

Iolanda Veloso destacou que un dos problemas que se desprende das actuacións do goberno local radica en que a veciñanza xa non se fía. ”A xente xa non sabe que quere facer o alcalde e non sabe con quen ten que falar para sabelo”, criticou. O outro problema, “gravísimo” a xuízo da portavoz nacionalista, é que os usuarios seguen na rúa.

“É necesario que o goberno ofreza un local digno para estas persoas pero o verdadeiro problema a respecto da súa ubicación é o alcalde”, concluíu.

 

O BNG considera que o verdadeiro problema para solucionar a ubicación de Sereos “é o propio alcalde”