Iolanda Veloso reclama ao alcalde que dea explicacións sobre a operación que afecta ao Concello
A portavoz nacionalista critica o "silencio absoluto" de Caballero sobre os rexistros que afectan a diferentes departamentos municipais
Vigo, 20 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, destacou que na xunta de voceiros celebrada esta mañá para preparar o vindeiro pleno ordinario o grupo nacionalista demandou que o alcalde dea explicacións públicas sobre a operación xudicial que afecta ao Concello de Vigo.
Nós agardabamos que o alcalde nos tivese ofrecido algunha información máis da que obtivemos polos medios de comunicación, que é a única que temos no grupo municipal do BNG, explicou Iolanda Veloso ás preguntas dos xornalistas sobre a postura do Bloque cando se cumpriron 48 horas do inicio dos rexistros en dependencias municipais, entre outras.
A portavoz nacionalista comentou que na propia xunta de voceiros o portavoz do grupo socialista contestou que lle trasladaría esta solicitude ao alcalde. Agardamos que Caballero non continúe con este silencio absurdo, manifestou ao respecto da actitude do alcalde coa operación Patos.
Información detallada
Iolanda Veloso destacou que hai que diferenciar entre a operación xudicial, que nós respectamos, e a información que debe facilitar o alcalde, que ao seu xuízo é unha cuestión política. Neste sentido comentou que o propio TSXG emitiu un comunicado sobre este asunto, polo que demandou ao alcalde información detallada do que está sucedendo. En concreto, o Bloque reclama que informe publicamente sobre que expedientes foron solicitados e sobre que temas.
Por outro lado, a portavoz municipal do BNG salientou que non se pode usar a palabra transparencia á lixeira. Segundo asegurou transparencia non é só dar os expedientes que solicita á policía xudicial, que só faltaría. E tampouco é negarse a contestar ás preguntas dos medios e dos grupos.
Segundo defendeu Iolanda Veloso, a cidadanía necesita saber que está pasando no Concello de Vigo, polo que anunciou que se o alcalde non facilita a información demandada, o BNG levará esta cuestión ao pleno do vindeiro luns.